CRTVG

Buscar

A funeraria de Val de Dubra denuncia unha empresa de cobro de débedas por ameazas

Publicado o 06/08/2021 11:22

A funeraria da localidade de Val do Dubra denunciou a empresa de cobros de débedas El torero del Moroso por un delito de ameazas e coaccións. Din que lles reclaman unha factura xa pagada de 4.000 euros, e que ademais os métodos que empregan para conseguilo danan a imaxe do negocio e os seus clientes.

Eran as dez e media da mañá cando os propietarios de Funerarias Dubra se deron de conta de que no exterior do tanario acababa de estacionar un vehículo da empresa de cobro de débedas El torero del Moroso.

"Baixou do coche co maletín e queriamos identificar o motivo polo que estaban aquí", explica Víctor Iglesias Vieito, xerente da funeraria.

O representante de Torero del Moroso comunicoulles que viña cobrar unha débeda de 4.000 euros de parte dunha empresa de climatización á que lle debían esa cantidade, pero Funerarias Dubra tiña os xustificantes desas facturas pagadas.

"Que lles falta, os 4.000 están? Está todo... acáballe de enviar isto por WhasApp a el? Si, acábollo de enviar. De momento aínda tranquilo, non lle vou montar o toureiro nin nada!". "Meu pai, como gardou toda a documentación, ten a factura, ten a listaxe de movementos da conta, baixou a ensinarlla", di Iglesias Vieito. 

As facturas non serviron de nada. Ao día seguinte presentáronse outra vez coas mesmas intencións. Funerarias Dubra púxose en contacto coa empresa tamén telefonicamente. Finalmente, tomaron a decisión de denunciar a Torero del Moroso por delitos de ameazas e coaccións.

Televisión de Galicia púxose en contacto cun dos representantes de Torero del Moroso, quen en nombre da empresa rexeitou facilitar ningún tipo de información.

Noticias web

06/08/2021