A Fundación Rosalía lidera un proxecto europeo para o acceso dixital aos museos

A Fundación Rosalía de Castro lidera, en colaboración con socios de Italia, Países Baixos ou Grecia, un proxecto europeo de formación para actualizar os coñecementos e as competencias dixitais do persoal dos museos europeos e promover o acceso dixital a estes centros.
O proxecto Open Museums. European Museums stay open through dixital technologies forma parte do programa Erasmus Plus de formación e busca, ademais, preservar o patrimonio cultural que gardan os museos. Do mesmo xeito, tenta contribuír a mellorar a súa comunicación dixital e financiamento nesta nova situación derivada da pandemia.
Estes días celébrase a xuntanza internacional de lanzamento do proxecto, que se desenvolve ata finais do ano 202. Durante o seu desenvolvemento, vaise elaborar unha guía de competencias cos coñecementos necesarios para crear visitas virtuais, dotarse dunha política de comunicación dixital e desenvolver tendas virtuais de museo.
Ademais, crearase un curso en liña que lles permitirá, a profesionais e outras persoas interesadas, aprender a crear estas ferramentas a través de módulos prácticos e inclusivos, con casos reais e exercicios prácticos.
A iniciativa, en que colaboran outros museos literarios galegos, como a Fundación Uxío Novoneyra, conta cun orzamento de 159.865 euros e inclúe unha actividade formativa en Rossano (Italia) e eventos abertos ao público nesta localidade, en Padrón, en Varnavas e Pireo (Grecia) e en Rotterdam (Países Baixos).