CRTVG

Buscar

A Fundación Expomar premia a traxectoria do programa 'Vivir o mar' da TVG

Publicado o 12/05/2019 17:59

A Fundación Expomar premiou hoxe a traxectoria dun programa desta casa, Vivir o mar. Unha distinción que recoñece 24 anos dedicados a informar dun sector fundamental da nosa economía como é a pesca.

Era xullo do 95, e comezaba na Galega a primeira singradura deste navío, daquela baixo o nome do Noso Mar.

Anxo Rodríguez, director de Vivir o mar: "No 95 foi o primeiro programa e creo que ademais naceu un pouco a raíz precisamente do que fora a guerra do bonito que fora un ano antes e fora un boom informativo no mundo da pesca, que nunca tanto se falara da pesca, non?".

Traballadores que foron contando como se profesionalizou a nosa pesca, e pasou a ser un sector produtivo fundamental máis aló da economía de subsistencia. Os protagonistas das historias seguen a ser, nalgúns casos, os mesmos. Ou a seguinte xeración, no mesmo posto e con novas tarefas que facer.

Anxo Rodríguez, director de Vivir o mar: "Cambiou moitísimo a regulación, unha barbaridade. Unha cousa que nos din con frecuencia, que oímos moitas veces é: eu xa non son mariñeiro eu son oficinista. Porque entrou a burocracia desde o ano 95 para aquí no que é o traballo dos profesionais do sector".

O premio que o propio sector lle entrega hoxe a este programa, patrocinado pola Consellería do Mar, é tamén mérito de quen xustifica a súa existencia.

Anxo Rodríguez, director de Vivir o mar: "Eles son os protagonistas e a audiencia. E nese sentido gustaríame que o viran así, como é: o programa é deles que, ademais, sen eles non se pode facer".

Así que mentres haxa quen viva do mar, o programa terá aínda moito por contar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/05/2019