CRTVG

Buscar

A fundación Amigos de Galicia exercerá a acusación popular no caso dos bebés xemelgos de Ourense

Publicado o 23/01/2020 13:05

Os pais do bebé falecido en Ourense, xemelgo doutro que ingresou con varias costelas rotas no hospital, teñen cinco días de prazo para recorrer ou serán formalmente imputados por homicidio imprudente e lesións. A Fundación Amigos de Galicia vaise presentar no caso para defender os dereitos dos menores.

Homicidio imprudente e lesións son os dous delitos aos que poderían enfrontarse os pais dos xemelgos de Ourense polo falecemento dun deles e os danos do outro, que ingresou con catro costelas rotas no hospital. Á vista do auto que emitiu o xuíz esta semana, que contempla unha neglixencia moi grave dos pais por deixar un bebé de dous meses á beira dun calefactor eléctrico sen supervisión, a fundación Amigos de Galicia decidiu presentarse na causa como acusación popular.

Paula Chapela, Fundación Amigos de Galicia: "Decidimos presentarnos na causa para a defensa dos menores implicados e tamén para concienciar a sociedade: que son casos que non poden quedar no esquecemento, que temos que denuncialos. Queremos sensibilizar para que a xente estea alerta se observa situacións en que se poida evitar".

Polo momento, non hai acusación particular, así que serán o Ministerio Fiscal e esta fundación os que defendan os dereitos das vítimas, tanto do bebé falecido como do seu xemelgo, que quedou baixo tutela da Xunta.

Paula Chapela, Fundación Amigos de Galicia: "Son casos que se esquecen co tempo e nós o que queremos é que estes menores teñan garantidos os seus dereitos para toda a vida, por iso seguiremos implicados nesta causa".

Están presentados noutros seis casos en Galicia, entre outros, o do triplo crime machista de Valga e o dos supostos abusos sexuais a menores dun salesiano de Vigo nun campamento de Cambados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2020

Máis sobre Ourense