CRTVG

Buscar

A frota galega ve marxe de mellora nas cotas pesqueiras da pescada e do xurelo

Publicado o 25/10/2019 15:10

Preocupación na frota galega pola proposta de redución de cotas pesqueiras de Bruxelas. O sector ve marxe de mellora na pescada e no xurelo. Este último reduce as súas capturas en máis dun corenta por cento. Din que agora toca loitar para conseguir unha mellor repartición para Galicia.

A conselleira do Mar critica estes recortes e confía en poder negociar coa Comisión Europea para lograr unha repartición xusta e responsable.

Porque esa é a demanda do sector pesqueiro galego, que a Comisión Europea non priorice o factor medioambiental en prexuízo da actividade económica. Bruxelas xustifica os drásticos recortes das cotas de pesca que propón para 2020 como a consolidación dunha pesca sostible. A repartición final decidirase no Consello de Ministros de Pesca, os días 16 e 17 de decembro, que como cada ano vivirá intensas negociacións para axustar todos os intereses.

O punto de partida é a proposta de totais admisibles de capturas que onte fixou a comisión, que reduce significativamente a pesca de especies de grande interese para Galicia. 

Como a pescada: a de augas ibéricas baixaría un 20%, co que pasaría das 9.300 toneladas deste ano ás 7.400 do próximo. Tamén recortaría en cifras similares a do golfo de Biscaia, e a do Gran Sol.
Máis drástico é o recorte do xurelo, que se reduciría nun 41% no Cantábrico e no Gran Sol, e un 50% na zona entre Fisterra e Xibraltar.

Nesa mesma zona do litoral atlántico veríase afectada a pesca da cigala, que se reduciría nun 23%. Por cuarto ano consecutivo, a comisión propón manter pechada a pesquería da cigala cantábrica.

En total, Bruxelas pretende reducir as cotas de pesca para 40 reservas e mantelas ou aumentalas noutras 32. Entre estas, destaca o incremento da pesca de rapante, tanto no Cantábrico coma no Atlántico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/10/2019