CRTVG

Buscar

A frota artesanal da vieira de Cambados retirou 600 quilos de lixo no primeiro día de campaña

Publicado o 03/12/2019 14:57

O Doysu, da frota de vieira-voandeira de Cambados, diríxese ao barco bateeiro que actúa de plataforma de recollida de lixo nestes tres días da campaña para limpar os fondos mariños da ría de Arousa e detectar que tipo de lixo hai e con que arte de pesca se limpa máis e mellor.

É un dos 50 barcos, entre os da vieira e os bou de vara, que participan na iniciativa CleanAtlantic que se leva a cabo en cinco países europeos e que, en Galicia, coordina o Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Xunta. "Descaragamos pouco lixo, nasas, etc colaborando ca campaña de limpar os fondos mariños" di Adolfo Domínguez, patrón do Doysu.

"En colaboración coa nosa confraría, como había barcos que ían pescar, se de paso recollían lixo mariño e se houbese unha plataforma barco que recollese ese lixo directamente onde están, pareceulle interesante e púxose en práctica", explica Xosé Carlos Mariño, da confraría de pescadores de Cambados.

A campaña quere determinar canto lixo hai no fondo das ría e de que tipo, ver o seu estado e o efecto da súa descomposición xa que ocupan espazos onde viven organismos como as vieiras. "Unha serie de descomposicións deses produtos, depende de que tipo de lixo sexa, pode causar danos nos organimos", di Xosé Carlos Mariño.

Os barcos que xa demandaran un colector no mesmo peirao de descarga da lonxa e que só lle ven vantaxes á limpeza.

Por unha cousa ou outra, a medida que avanzan as campañas máis barcos se van sumando. Na campaña de novembro cos bous de vara retiráronse tres toneladas dos fondos mariños de Arousa.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019