CRTVG

Buscar

A friaxe deixa os seus efectos nos produtos de horta de inverno

Publicado o 13/01/2021 14:49

Tanta xeada seguida ten os cultivos de horta ao aire coa folla caída. En Trasmonte e no resto do concello de Oroso, o frío fai desta unha zona propicia para o cultivo do grelo, hoxe nabiza, pero tanta sucesión de tempo seco e tanta friaxe impiden consumilos, como nos di Albino.

"Haberá que agardar que non xee e que chova para que eles collan vicio outra vez. Perder non se perden".

Este ambiente invernal tan intenso e continuado tamén prexudica, segundo Mercedes, a cualidade do produto.

"Non lle vai ben, porque logo xa non saben. Vas recoller os grelos e xa non che rompen, xa son malos de recoller, pero quítalle moitísimo sabor. O grelo o que quere é auga. Se despois lle volve chover e tal volven botar fillos, pero o sabor xa non é o mesmo. A min non me gustan o mesmo, desde logo".

En consecuencia, as tendas recorren a produtores doutras zonas, como nos di Jorge nunha de Sigüeiro.

"Traballamos con produtores de proximidade, pero estes días non puideron recoller porque hai demasiada xeada. Tamén temos provedores doutras zonas onde ao mellor nos lles afectou tanto o frío , como estes de Boqueixón, quizais menos fría e, sobre todo; con menos néboa que aquí. Pero, polo de agora, hai pouca produción".

Isto tradúcese nun aumento de prezo, pequeno, segundo o vendedor.

Noticias web

13/01/2021