CRTVG

Buscar

A folga dos estudantes e unha 'castañada' dos CDR centran as protestas contra a sentenza do 'procés'

Publicado o 31/10/2019 08:56

Celebrouse a primeira reunión da Asemblea de Cargos Electos impulsada por Puigdemont

Cataluña vai estar moi presente nesta campaña electoral. Hoxe é terceira xornada de folga estudiantil indefinida na que onte non houbo incidentes. Tampouco os houbo durante os actos convocados polos CDR a última hora. O soberanismo celebrou o acto de fundación da Asemblea de Cargos Electos, un organismo impulsado por Puigdemont paralelo ao Govern e ao Parlament

A xornada de folga estudantil en Cataluña tivo un moderado seguimento no seu segundo día, no que non houbo incidentes coma no primeiro. Centos de estudantes iniciaron unha acampada indefinida na praza Universitat de Barcelona. Os mozos reclaman amnistía, a fin da represión, que o Goberno acceda a negociar a autodeterminación e un futuro digno. A mediodía cortaron a Gran Vía entre Aribau e Balmes.

Á tarde, os CDR convocaron este acto de protesta contra a sentenza do procés, cun pasarrúas e unha castañada popular. Houbo cortes de tráfico na avenida Diagonal e cánticos contra España e a favor dos políticos en prisión ante as sedes de Ciudadanos e do PP.

E á noitiña, intentaron boicotear o acto preelectoral que Pedro Sánchez celebrou no auditorio de Viladecans. Uns 300 manifestantes dirixiron os seus insultos contra o presidente do Goberno en funcións pero tamén contra os Mossos d'Esquadra.

Nese acto do Partido Socialista, o líder do PSC, Miquel Iceta, aplaudiu a actuación dos Mossos, da Policía Nacional, da Garda Civil pero tamén a do conseller do Interior.

Miquel Iceta (PSC): "Grazas, conselleiro do Interior, porque hai quen está á altura da súa responsabilidade e quen non sabe sequera cal é a súa responsabilidade".

Unhas horas antes de que se inicie a campaña electoral, e no día en que o Tribunal Constitucional suspendeu cautelarmente o Plan de acción exterior da Generalitat, o soberanismo quixo dar esta foto de unidade. Dous mil cargos públicos asistiron á primeira reunión da chamada Asemblea de Cargos Electos, un novo órgano á marxe do Govern e do Parlament, fundado para que articule unha resposta á sentenza. Unha das súas primeiras accións foi a aprobación dun manifesto que rexeita as condenas do Supremo, esixe amnistía e diálogo e traballar pola autodeterminación, retomando a senda soberanista. Interveu desde Waterloo o ex-presidente Carles Puigdemont.

"A Asemblea de Cargos Electos é unha resposta republicana, é unha institucionalidade liberada das servidumes, dos límites e das censuras que pretende impoñer o Estado español", dixo Puigdemont.

No acto tamén se leu unha carta da ex-presidenta do Parlament Carme Forcadell, onde pide empatía entre as distintas familias soberanistas nunha loita compartida, dixo, que non se aparte da non violencia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/10/2019