CRTVG

Buscar

Fiscalía, Xunta e defensa acordan pedir 3 anos de liberdade vixiada para un brigadista de Lobios

Publicado o 09/05/2019 13:14

Houbo acordo no xuízo celebrado esta mañá na Audiencia Provincial de Ourense contra o brigadista de extinción de incendios do municipio de Lobios, acusado de provocar tres incendios forestais en 2017.

O Ministerio Fiscal, a acusación da Xunta e a defensa acordaron rebaixar a pena de 5 a 3 anos de cárcere, porque o acusado padece un trastorno psicopatolóxico, e está en tratamento. Pediron substituír a prisión por 3 anos en liberdade vixiada e continuar co tratamento psiquiátrico. Ademais, deberá pagar máis de 18.000 euros á Xunta polos custos da extinción dos incendios. 

O brigadista de Lobios acusado de provocar tres incendios forestais en 2017 pacede un trastorno psicopatolóxico polo que xa está en tratamento psiquiátrico. Por este motivo, o Ministerio Fiscal, a acusación particular da Xunta e a defensa acordaron rebaixar a condena de 5 a 3 anos de prisión. E solicitan ademais, que eses tres anos os pase en liberdade vixiada seguindo co tratamento.

O Ministerio Fiscal puntualizou tamén que os incendios que provocara non supuxeron en ningún momento risco para a vida da poboación. O seu avogado explica que el non era consciente do que facía ao prender lume no monte, e que podería tratarse dun pirómano.

Ademais, piden a inhabilitación do acusado durante 5 anos para calquera traballo relacionado co monte. Unha multa de 2 euros ao día durante 18 meses, e terá que aboar máis de 18.000 euros á Xunta en calidade de responsabilidade civil polos custos da extinción dos incendios forestais no municipio de Lobios. O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

09/05/2019