CRTVG

Buscar

A fiscalía recorrerá que o caso de Ángel pase a un xulgado de violencia de xénero

Publicado o 11/04/2019 19:49

A fiscalía recorrerá contra o traslado do caso de Ángel Hernández, o home que axudou a morrer a súa muller, a un xulgado de violencia machista. Entende que a maxistrada fai unha valoración parcial da sentenza do Supremo en que basea a súa decisión. A pesar deste cambio de xulgado, Hernández continúa investigado por un delito de auxilio ou cooperación ao suicidio.

Indignado e cabreado. Así di que se sente Ángel Hernández tras a decisión da titular do xulgado número 25 de Madrid de inhibirse en favor do Xulgado de Violencia sobre a Muller na investigación do suicidio asistido da súa esposa. Vai recorrer a decisión xudicial e de chegar a xuízo, di, está disposto a non recoñecer o tribunal. E pide un regulamento urxente para a eutanasia.

Ángel Hernández: "A min o que me importa é falar da lei da eutanasia para que se aprobe, e para que a xente que queda como estaba a miña muller que procuren axudala, iso é o importante. E si, estou moi cabreado porque eu non son ningún violento de xénero".

A xuíza entende que calquera acto violento contra unha muller pola súa parella ou ex-parella debe ser considerado violencia machista, tal e como establece o Tribunal Supremo nunha sentenza recente. A Fiscalía tamén recorrerá esta decisión xa que entende que a maxistrada fai unha valoración parcial sobre a sentenza do Supremo.

María Pilar Martín, fiscala delegada da violencia contra a mulller: "É necesario que se dea o substrato ou o contexto de discriminación, de situación de desigualdade e de dominación do home sobre a muller".

Ángel Hernández continúa investigado por un delito de auxilio e cooperación ao suicidio que contempla penas que van desde os 2 aos 10 anos de prisión.

 

Noticias web

11/04/2019