A Fiscalía solicita que se deduza falso testemuño do responsable de difusión da Generalitat
Por primeira vez no xuízo do procés, a Fiscalía solicitou que se deduza falso testemuño. O Ministerio Público considera que o responsable de difusión da Generalitat, Jaume Mestre, citado a declarar polas campañas a favor do referendo, faltou á verdade. A petición non se resolverá ata que haxa sentenza, pero se se demostra que mentiu podería enfrontarse a tres anos de cárcere.
Jaume Mestre levaba media hora respondendo as preguntas do fiscal con pouco máis que monosílabos.
"Nunca viu vostede esas facturas?", "a quen oíu falar delas", "non me lembro".
O presidente do Tribunal, Manuel Marchena, interrompeu o interrogatorio para lerlle o artigo 460 do Código Penal e advertirlle que podería estar incorrendo nun delito de falso testemuño: "Lembre que o falso testemuño non o comete que non di a verdade, senón quen a altera con inexactitudes ou respostas evasivas".
O fiscal, Jaime Moreno, decide repetir as mesmas preguntas para, segundo dixo, darlle á testemuña outra oportunidade. Pero o responsable de Difusión da Generalitat repite as mesmas respostas e o fiscal decide finalizar o interrogatorio: "Pero antes de terminar o interrogatorio intereso que a sala deduza testemuño de particulares por delito de falso testemuño ao Xulgado de Garda".
Iso non sucederá ata que finalice o xuízo e se poidan comparar as declaracións doutras testemuñas para avaliar se realmente hai indicios de que Mestre faltou á verdade.
A décimo sexta xornada do xuízo completouse coa declaración de Albert Royo, ex-responsable de Diplocat. Royo admitiu que esta entidade pagou os gastos dun grupo de expertos que se desprazaron a Barcelona polo 1 de outubro, pero negou que fosen observadores internacionais:
"Isto refírese a un programa de visitantes internacinoais que organizamos desde Diplocat, que é unha actividade moi habitual que faciamos".
O xuízo continúa este xoves cunha das declaracións máis agardadas, a do maior dos Mossos, Josep Lluis Trapero.