CRTVG

Buscar

A Fiscalía sobre o 'procés': "É un xuízo en defensa da democracia"

Publicado o 13/02/2019 19:49

O ex-vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, empezará a declarar mañá no xuízo do procés, será o primeiro dos acusados en facelo. Hoxe interviñeron as acusacións. A Fiscalía negou que se trate dun xuízo político e cualificouno como un xuízo en defensa da democracia e da Constitución.

A Fiscalía considera que as defensas dos acusados presentaron unha visión distorsionada da realidade, coa intención, din, de sentar o Estado no banco dos acusados. O fiscal Javier Zaragoza negou que se estea xulgando unha ideoloxía e que esta sexa unha causa contra o independentismo.

Javier Zaragoza, fiscal do Tribunal Supremo: "Esa é unha falacia de colosais dimensións que debe ser proclamada aos catro ventos. Ningún dos acusados foi perseguido polas súas ideas, senón polas súas accións. Este é un xuízo en defensa da democracia". 

Desde a Fiscalía xustifican o delito de rebelión, argumentando que os acusados tiñan unha folla de ruta cara á independencia en que non descartaban a violencia.

Fidel Cadena, fiscal do Tribunal Supremo: "Tiñan previsto desde o principio a ruptura da orde constitucional reclamando métodos violentos a través das masas que actúan como escudos humanos para expulsar as forzas de seguridade do Estado, e dos Mossos que se incorporan ao plan da rebelión".

A avogada do Estado defendeu a causa, sen entrar no tipo de delitos que se xulgan.

Rosa María Seoane, avogada do Estado: "Un xuízo penal con todas as garantías, que non merece outra cualificación".

A acusación particular, exercida por Vox, pediu que se prohiba o lazo amarelo que leva posto Jordi Sànchez. O presidente do tribunal rexeitouno ao considerar que son símbolos ideolóxicos amparados polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019