CRTVG

Buscar

A fiscalía rexeita a petición do ex-presidente de Pescanova de suspender o xuízo e imputar os bancos

Publicado o 02/12/2019 19:37

O fiscal anticorrupción Juan Pavía rexeitou de plano a petición da defensa do expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa de suspender o xuízo e imputar os bancos que concederon créditos á compañía a partir de 2010 para sanear as súas contas, xa que considera que esta lles "enganou" sobre a súa situación financeira real. Durante a fase de cuestións previas no inicio da vista oral na Audiencia Nacional sobre a suposta falsidade nas contas de Pescanova, o avogado de Fernández de Sousa expuxo a posibilidade de que a causa volva á fase de instrución para que os bancos sexan citados como posibles responsables a título lucrativo debido aos intereses que cobraron pola concesión de créditos.

Nos anos 2010 e 2011, o volume da débeda da empresa era entre tres e catro veces superior ao que declaraba, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, unha situación que a compañía decidiu combater recorrendo ao financiamento bancario, principalmente. Por iso, o letrado considera que as entidades bancarias ás que acudiu Pescanova lucráronse desta situación e deben devolver os intereses que percibiron como consecuencia das "prácticas comerciais irregulares" que, segundo o Ministerio Público, puxo en marcha a empresa co obxectivo de esconder o verdadeiro estado das contas. É máis, chegou a manifestar que se os bancos devolvesen a totalidade dos intereses cobrados, "habería diñeiro para pagar a todos os prexudicados neste xuízo" e os hoxe acusados xa non terían que facer fronte ao pago dunha responsabilidade civil.

Con todo, na sesión da tarde desta primeira xornada do xuízo, o fiscal replicou que dicir que a banca resultou beneficiaria dos feitos polos que Pescanova está investigada e que deben reembolsar a cantidade correspondente aos intereses cobrados é "descoñecer" que a compañía está acusada de delito de estafa por enganar ás entidades financeiras.

Neste sentido, o representante do Ministerio Público defendeu ante o tribunal, a Sección Cuarta da Sala do Penal, o seu escrito de acusación e subliñou que, segundo as súas conclusións provisionais, os bancos non coñecían realmente a situación de insolvencia de Pescanova. Con estes argumentos, Pavía rexeitou tamén a outra petición que esgrimira o avogado de Fernández de Sousa na sesión da mañá, e era que, na súa opinión, non se pode xulgar ao seu cliente polo delito de estafa porque ningún dos bancos aos que supostamente se ocultou o estado de Pescanova acudiuse como acusación particular no procedemento.

Piden 28 anos de prisión para Fernández de Sousa

Hai 19 acusados. Á fronte deles, o ex-presidente Fernández de Sousa. Enfróntase a 28 anos de cárcere por, supostamente, ocultar as perdas millonarias da compañía que remataron en concurso de acredores. 

Sentan no banco dos acusados os máximos responsables de Pescanova entre 2009 e 2013, case sete anos despois da quebra. Son 19 e á fronte deles, o antigo presidente Manuel Fernández de Sousa. A Fiscalía considérao o líder dunha trama dirixida a ocultar a débeda millonaria do grupo.

A defensa de Fernández de Sousa responsabiliza en gran parte aos bancos do que pasou en Pescanova e nesta xornada de cuestións previas pediu a suspension do xuízo para convocalos.

Segundo o xuíz instructor, os administradores falsearon a situación contable de Pescanova polo menos dende 2009.

En 2013 detectáronse as supostas irregularidades e chegou a quebra, cunha débeda de case 4.000 millóns.

Con todo, a empresa hoxe segue en pé como Nueva Pescanova, en mans da banca, e ese será tamén un dos argumentos dos acusados.

O xuízo ten programadas máis de 30 sesións, con medio cento de testemuñas. Quedará visto para sentenza a finais de marzo.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019