CRTVG

Buscar

A Fiscalía querélase contra Rocío Monasterio por falsidade documental

Publicado o 10/05/2021 16:54
A Fiscalía querélase contra Rocío Monasterio por falsidade documental

A Fiscalía de Madrid presentou unha querela contra a líder de Vox na comunidade madrileña, Rocío Monasterio, pola presunta comisión dun delito de falsidade documental en relación a un visado do Colexio de Aparelladores para tramitar os planos das obras de reforma dun loft do presentador Arturo Valls, segundo informaron fontes xurídicas.   

A querela é froito da investigación levada a cabo pola Fiscalía logo da denuncia presentada contra Monasterio por Más Madrid, e levouse ante a Sala do Civil e Pena do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, ao ser aforada a líder de Vox na comunidade madrileña.

A querela interpoñerase no marco da investigación aberta polo Ministerio Público por mor de dúas denuncias cursadas contra a portavoz de Vox na Asemblea de Madrid, Rocío Monasterio, por presunta falsidade documental e estafa.   

Más Madrid presentou o 17 de xaneiro unha denuncia contra a líder de Vox en Madrid pola presunta comisión de delitos de falsidade documental e estafa en relación á presunta "falsificación" dun visado do Colexio de Aparelladores en 2005 para os planos das obras de reforma dun loft do presentador Arturo Valls, o único caso de supostas "irregularidades" que non estaría prescrito.

Segundo publicou 'El País', a líder de Vox en Madrid utilizou un visado do Colexio de Aparelladores nos planos de obra do loft de Valls de 2005 e, ao parecer, seguiría usando ese selo en máis trámites ata 2016. 

Na denuncia detallábase que era un proxecto de reforma do ano 2005 no que unha aparelladora que traballaba no estudo de Monasterio solicitou un visado no Colexio de Aparelladores de Madrid, visado obtido de maneira legal e conforme ao procedemento.

"Posteriormente, no ano 2011 e no 2016, o señora Monasterio solicitou unha licenza fotocopiando a etiqueta que recibira a aparelladora no ano 2005, e achegándoa á cartela do seu estudo. Aplicándoa a un proxecto absolutamente diferente. Se quedase no 2011 estaría prescrito, pero como reiteraron a solicitude no ano 2016 e este tipo de delitos de aparentemente falsidade documental prescriben aos cinco anos", expoñían.