CRTVG

Buscar

A Fiscalía pídelle á xuíza que arquive a causa pola manifestación do 8-M

Publicado o 08/06/2020 16:47
A Fiscalía pídelle á xuíza que arquive a causa pola manifestación do 8-M

A Fiscalía Provincial de Madrid solicitou á xuíza que arquive a investigación que ten aberta contra o delegado do Goberno en Madrid, José Manuel Franco, pola autorización de manifestacións nos primeiros días de marzo e, en concreto, a do 8-M.

A Fiscalía fai un percorrido polos diferentes informes e recomendacións publicados antes do 8 de marzo e conclúe que nese escenario nacional e internacional "pretender que o investigado coñecía que cunha actuación diferente á realizada (para a que, como dixemos, non estaba obrigado nin lexitimado) podería evitar a morte de miles de persoas e o contaxio exponencial da enfermidade resulta practicamente inverosímil".

É a primeira vez que a Fiscalía se pronuncia nesta causa e faio para pedir á titular do Xulgado de Instrución número 51 de Madrid, Carmen Rodríguez-Medel, que revogue o auto polo que decidiu investigar a Franco e que arquive o procedemento, segundo a nota da Fiscalía. Franco está citado a declarar o mércores 10 por un delito de prevaricación administrativa, pero a Fiscalía obxecta que non se dan as circunstancias para acusarlle dese delito, nin por acción nin por omisión, entre outras razóns porque o delegado do Goberno non ten competencias en materia sanitaria nin de saúde pública. 

Noticias web

08/06/2020