Revogada a condición de prexudicado de Pablo Iglesias no caso Villarejo

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón revogou a condición de prexudicado do vicepresidente segundo do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, na peza do caso Villarejo que investiga o roubo do teléfono móbil da asesora do partido Dina Bousselham en 2016.
O maxistrado acorda esta medida despois de que a Fiscalía llo pedira ao apreciar contradicións entre as declaracións de Iglesias e Bousselham.
Na súa segunda declaración como prexudicada o luns pasado, Bousselham asegurou que cando Iglesias lle deu a tarxeta do móbil que recuperara seis meses antes, tras aparecer de forma anónima na redacción de Interviú, xa estaba danada e foi imposible recuperar os arquivos malia que acudiu a unha empresa para intentalo.
Pola súa banda, o agora vicepresidente do Goberno declarou hai un ano que a tarxeta funcionaba cando lla devolveu. Esta peza é a décima que se abre no caso Villarejo, a raíz do achado dun lapis de memoria cos datos do móbil subtraído entre os efectos intervidos ao ex-comisario na operación Tándem, en 2017.