CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide que o Supremo investigue a Borràs por contratos irregulares

Publicado o 03/12/2019 13:40
A Fiscalía pide que o Supremo investigue a Borràs por contratos irregulares

A Fiscalía pediu ao Supremo que investigue á deputada de JxCAT Laura Borràs por presuntas irregularidades na adxudicación a un amigo de 18 contratos por valor de 259.863 euros desde a  Institució de lles Lletres Cataláns (ILC) entre 2013 e 2017, cando ela a dirixía.

O mesmo día en que Borràs ocupou o seu escano no novo Congreso, o fiscal pediu ao Supremo que solicite á Cámara o suplicatorio para poder investigala polos delitos de prevaricación, malversación, fraude e falsidade documental ante os indicios achados polo Xulgado número 9 de Barcelona, que remitiu unha exposición razoada ao Alto Tribunal.

A Fiscalía acolle a tese da xuíza e sinala que Borràs abusou da súa función como directora da ILC e "adxudicou directa ou indirectamente de maneira arbitraria" contratos a Isaías H., un programador informático amigo seu, "para defraudar" á institución "mediante o fraccionamento ilegal dos mesmos" e a "falsificación de orzamentos".

No seu informe, o fiscal Javier Zaragoza ve "claros e contundentes indicios de simulación documental continuada" por parte de Borràs e do seu amigo "a fin de dotar dunha suposta transparencia e obxectividade" ao proceso, "encubrindo" a decisión de adxudicarlle todos os contratos a el e "enmascarando" o seu fraccionamento "ilegal" durante varios anos e en diferentes contratos de menos de 18.000 euros para evitar o concurso público.

Investíganse 18 contratos presuntamente adxudicados a Isaías H., nos que a ex-consellera de Cultura e agora deputada, segundo o fiscal, "propuxo a contratación, acordou a adxudicación, resolveu aprobar o gasto e certificou a execución total ou parcial do servizo para efectuar o pagamento".

A Fiscalía reproduce correos e conversacións intervidas a Isaías H., como unha na que comenta a súa relación con ela: "Home claro, pero eu coa Borràs, coa xefa, eu facturo coa Cooperativa, eu facturo uns trapis por alí"; "(...) pero que eu teño que facer un orzamento bo e.... ou sexa teño que facer dous orzamentos bos e catro de non bos,..."; "(...) o fodido é se a Borràs deixa de ser directora...".

Segundo o fiscal, os gastos "autorizados e aprobados" por Borràs "non obedecían ao pagamento real e efectivo" dos traballos, senón a un "continuado acto ilícito de enriquecemento" en favor de Isaías -procesado noutra causa por tráfico de drogas e falsificación de moeda-, con quen presuntamente pactaba o prezo dos servizos.

Engade que Borràs sabía que os orzamentos os facía Isaías "aínda que aparentasen ser presentados" por outros -o que a Fiscalía denomina "presupostos comparsa"- e que acordaron os "conceptos e importes adecuados" e "inventados" para xustificar a adxudicación.

De feito, nun dos correos intervidos, de xullo de 2014, no que Isaías se interesaba por unhas facturas, Borràs dicíalle que había que facer tres presupostos por cada unha pero que "non sufra porque o diñeiro teno reservado e é para isto".

En xuño de 2015, remitiulle á deputada uns orzamentos "indicando os que son OK dos que non son OK", e noutra ocasión, é Borràs quen pide ao seu amigo que lle pase uns orzamentos "e mirámolos conxuntamente e facemos os retoques que sexan necesarios".

Os correos, segundo a Fiscalía, tamén evidencian a relación persoal preexistente entre ambos os xa que non se limitan a abordar temas profesionais e Borrás chegou a facilitarlle documentación para acreditar o seu arraigamento económico e laboral cando foi detido en 2017.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí