CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide prisión permanente revisable para o Chicle polo asasinato de Diana Quer

Publicado o 07/03/2019 09:22

A Fiscalía fixo público o seu escrito de acusación no caso de Diana Quer. Pide prisión permanente revisable para o Chicle polo delito de asasinato con aleivosía e asañamento, outros 20 anos de prisión por detención ilegal e 12 por agresión sexual. O Ministerio Público di, literalmente, que  Enrique Abuín "prolongou a dor de Diana para satisfacer o seu apetito sexual".

Na mesma liña da acusación particular que representa a familia de Diana, a Fiscalía de Ribeira dá por probada a agresión sexual e atribúelle ao Chicle o rapto e asasinato da moza co obxectivo último de violala. Asume que o investigado perpetrou o crime con aleivosía, asañamento e para encubrir outro delito, e que usou a nave de Asados, en Rianxo, que coñecía, para consumar o seu propósito de atentar sexualmente contra ela.

No seu escrito de acusación, describe os feitos acontecidos aquel 22 de agosto de 2016. Relata que Enrique Abuín abordou contra as dúas e media da mañá a moza madrileña, que daquela tiña 18 anos, no paseo da Pobra. Que logo a amordazou, a meteu no coche, onde a tivo 25 minutos, e a levou á nave abandonada de Rianxo, onde presuntamente consumou a violación, segundo o escrito, durante unha hora. O informe fiscal di que a someteu a unha "situación de horror e terror extremas", e conclúe que a moza morreu por estrangulamento provocado cunha brida.

"Unha vez consumada a súa acción sexual e homicida", di o Ministerio, o Chicle introduciu o corpo no pozo en que logo apareceu e tapouno cunha arqueta de formigón. Segundo o escrito de acusación, 20 días despois volveu ao lugar para afundir o cadáver con bloques de adobe.

A familia de Diana Quer tamén solicitará a prisión permanente para Enrique Abuín, que confesou o crime pero sempre negou a agresión sexual. O pai pide unha sentenza axustada á crueldade do delito.

"As dilixencias probarán que este individuo en modo algún lle puxo unha brida na gorxa á miña filla para levala á misa, senón que o fixo para o que o fixo. Dun xeito premeditado, para abusar sexualmente da nena, nun sitio onde se sentía tranquilo, nunha nave que coñecía perfectamente, e onde despois, para intentar evitar a súa incriminación, a mantivo oculta durante 500 días", dicía Juan Carlos Quer.

Como responsable civil, a Fiscalía pide para os pais de Diana unha indemnización de 254.000 euros e outros 36.000 para a irmá. O caso será visto por un xurado popular previsiblemente no derradeiro trimestre deste ano, na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/03/2019