A xuíza decreta o internamento en réxime pechado do mozo acusado de matar a súa nai en Foz
A titular do Xulgado de Menores de Lugo acordou este martes o internamento en réxime pechado nun centro de menores do mozo de 17 anos detido este luns 4 como presunto autor da morte da súa nai. Así o confirmaron fontes xudiciais, despois de que este martes pola mañá o menor fora posto a disposición da Fiscalía de Menores de Lugo que, precisamente, solicitou esta medida cautelartras declaración ao mozo.
O menor, detido este luns por un delito de homicidio, permaneceu desde o seu arresto nos calabozos da Garda Civil de Burela ata ser trasladado a Lugo para que a Fiscalía de Menores lle tomase declaración este martes. Fontes da investigación aseguraron que o mozo non confesou nada en sede policial, debido a que a Garda Civil, ao tratarse dun menor de idade, non o pode interrogar e tiña que realizarse esa declaración ante a Fiscalía de Menores.
Pola súa banda, ao cadáver da vítima, de 36 anos de idade, brasileira de orixe e de nacionalidade española, procedéuselle a practicar a autopsia no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). A morte da muller produciuse cunha arma branca. Respecto diso, fontes da investigación sosteñen que "todo apunta" a que se puidese cometer cun coitelo.
A vítima, cuxo cadáver se achou na mañá deste luns día 4 no domicilio que compartía co seu fillo en Foz, atopábase "chea de sangue", polas feridas producidas con esa "arma branca", segundo indicaron as mesmas fontes da investigación. O fillo da falecida foi detido unhas dúas horas despois de ser localizado o corpo.