CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide manter a euroorde de Puigdemont e suspender a súa inmunidade

Publicado o 23/12/2019 11:02
A Fiscalía pide manter a euroorde de Puigdemont e suspender a súa inmunidade

A Fiscalía pediulle ao xuíz instrutor do 'procés', Pablo Llarena, que manteña as euroordes e o resto de medidas cautelares contra o ex-presidente catalán Carles Puigdemont e o ex-conselleiro Toni Comín, á vez que solicita ao Parlamento Europeo a suspensión da súa inmunidade.

Nun escrito, datado o pasado 20 de decembro, os fiscais do caso tamén piden que se informe o xuíz belga que debe decidir sobre as súas ordes de detención e entrega para que "deixe sen efecto os prazos para a resolución" das mesmas ata que o Parlamento Europeo decida se lles suspende a inmunidade.

Tras a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que recoñeceu que o líder de ERC, Oriol Junqueras, debeu gozar de inmunidade como eurodeputado desde que a proclamación dos resultados das eleccións (o 13 de xuño), a Fiscalía expresou a súa postura en relación a Puigdemont e Comín a pedimento do xuíz Llarena, que recoñeceu que a decisión podía ter a mesma incidencia nos fuxidos en Bélxica.

No seu escrito, en que pide que Llarena manteña todo o acordado contra eles (prisión provisional,  euroordes e declaración de rebeldía), a Fiscalía repróchalles que queiran "acollerse ao paraugas da inmunidade" que, ao seu xuízo, lle concedía a elección como europarlamentarios para eludir a súa entrega e o xuízo en España.

Consideran os fiscais que as medidas cautelares que pesan sobre Puigdemont e Comín "están absolutamente lexitimadas e xustificadas" pola gravidade das penas ás que se enfrontarían ao estar procesados por sedición e malversación, e pola necesidade de proceder á súa entrega para responder ante a Xustiza e "evitar a reiteración delituosa".

Ao seu xuízo, a sentenza do TXUE non impide que estas medidas cautelares se manteñan e lembra, ademais, que, en virtude da lexislación española e tal e como o Supremo explicou nun auto, o  suplicatorio (permiso á cámara) só sería necesario para aqueles parlamentarios que aínda non fosen procesados.

Con todo, Puigdemont e Comín presentáronse ás eleccións estando fuxidos e procesados, polo que "eran plenamente conscientes das limitacións que comportaba a súa situación procesual" no exercicio dos seus dereitos políticos.

Admite que o alcance da inmunidade é máis amplo se o eurodeputado está fóra do seu país, pois, segundo o protocolo que o regula, non podería ser detido, aínda que a Fiscalía lembra a facultade de pedir ao Parlamento a suspensión da devandita garantía.

Incide tamén o escrito en que a inmunidade non é un privilexio, senón unha garantía de independencia do Parlamento, polo que non protexe "de forma ilimitada" os parlamentarios fronte a procesos penais en que a instrución concluíu antes da propia convocatoria electoral, "creando así un inadmisible limbo parlamentario".

"A inmunidade non pode converterse, en ningún caso, nun refuxio protector ou xerador de impunidade fronte ao lexítimo exercicio da función xurisdicional", indica a Fiscalía.