CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide máis radares móbiles nas cidades

Publicado o 27/05/2021 20:18

Cren que só con controis se respectará o límite de 30 km/h nas rúas de sentido único

Case un terzo dos accidentes de tráfico débense a un exceso de velocidade. E unha cuarta parte ao consumo de alcol. Por iso a Fiscalía de Seguridade quere que se potencie a vixilancia deste tipo de infraccións. Sobre todo, que se faga cumprir o límite de 30 km hora nas rúas de sentido único que entrou en vigor o 11 de maio.

"Que se potencie o funcionamento dos radares en todo o territorio. Son esenciais para limitar o exceso de velocidade no tráfico diario urbano e interurbano que xeran estas traxedias evitables na estrada e na cidade", pediu Bartolomé Varga, fiscal de Seguridade Viaria

Ademais, pide aumentar os controis de alcolemia e a persecución penal da condución baixo os efectos do alcol en todas as vías. "Estamos saíndo do pesadelo da pandemia e estamos atopando o pesadelo das mortes na estrada. A sinistralidade vai en aumento no noso país. Hai máis sinistralidade que fluxos de tráfico", explicou. 

O fiscal di que reducir a velocidade é o mellor xeito de salvar vidas. Cada ano dítanse unhas 1.000 condenas por exceso de velocidade e 50.000 por consumo de alcol ao volante.

Noticias web

27/05/2021