CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide liberdade para Villarejo ao non poder xulgalo antes de novembro

Publicado o 03/03/2021 12:10
A Fiscalía pide liberdade para Villarejo ao non poder xulgalo antes de novembro

A Fiscalía Anticorrupción pediu deixar en liberdade o excomisario José Villarejo ante a imposibilidade de poder xulgalo antes de novembro, cando cumpre o límite máximo de 4 anos en prisión preventiva desde a súa detención, en novembro de 2017, na operación Tándem.

Segundo fontes xurídicas, a Fiscalía fixo esta petición ao xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló despois de que a Sala do Penal confirmara onte a súa posta en liberdade polas tres pezas do caso Tándem polas que vai ser xulgado en primeiro lugar o próximo 13 de decembro.

Na súa petición de liberdade, a Fiscalía solicita non obstante que se lle impoñan medidas cautelares: comparecencias diarias, prohibición de saída de territorio nacional e retirada de pasaporte.

A Sala deixou en liberdade por esas tres pezas a Villarejo semanas antes de sinalar o xuízo, aínda que o mantiñan en prisión polo resto da trintena de pezas que compoñen esta causa. Nun auto, notificado este martes, a sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional, que xulgará a Villarejo en decembro, rexeitou o recurso de súplica que interpuxo o fiscal contra o auto polo que deixou en liberdade o excomisario en tres pezas do caso Tándem, que se van xulgar conxuntamente.