CRTVG

Buscar

A fiscalía pide inhabilitación para Torra na segunda causa polos lazos amarelos

Publicado o 27/05/2021 10:44
A fiscalía pide inhabilitación para Torra na segunda causa polos lazos amarelos

A Fiscalía pide un ano e oito meses de inhabilitación e unha multa de 30.000 euros para o expresidente catalán Quim Torra na súa segunda causa por desobediencia.

No seu escrito, o Ministerio Público acusa a Torra de desobediencia polo seu "incumprimento desafiante" do ultimato que o 23 de setembro de 2019 lle deu o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña para retirar do Palau unha pancarta cun lazo amarelo que pedía a liberdade dos "presos políticos e exiliados".

Torra deixou a Presidencia da Generalitat en setembro do ano pasado, tras ser condenado a ano e medio de inhabilitación por desobediencia. Nese caso, foi por desatender unha orde da Xunta Electoral que o cominaba a retirar as pancartas de apoio aos políticos presos dos edificios públicos en período electoral.

Esta segunda causa deriva dunha peza separada por mor das medidas cautelares solicitadas por Impulso Ciudadano nun recurso contencioso administrativo. Como consecuencia, o TSXC ditaminou, o 19 de setembro de 2019, que Torra debía retirar esta simboloxía independentista no prazo de 48 horas.

O expresidente, con todo, non atendeu este requirimento xudicial no prazo indicado, de xeito que o Alto Tribunal emitiu o 23 de setembro unha nova resolución cunha "orde clara e executiva", que Torra tampouco cumpriu.

Finalmente, a primeira hora da tarde do 27 dese mes funcionarios dos Mossos d'Esquadra procederon a retirar do Palau de la Generalitat a pancarta en favor dos líderes independentistas en prisión, a pedimento dunha providencia ditada polo TSXC.

"Incumprimento desafiante"

No seu escrito de acusación, o Ministerio Público esgrime o "patente incumprimento desafiante" e "contumaz" por parte do acusado das resolucións xudiciais que "contiñan as ordes claras para as que fora persoalmente requirido".

A fiscalía sostén ademais que, malia a "claridade" do requirimento xudicial, o expresidente comunicou o 20 de setembro nunha nota de prensa, "de xeito ostentoso e desafiante", a súa intención de "non atender ningunha orde que se lle puidese dar nese sentido".

Co incumprimento das dúas resolucións, entende que o expresidente mantivo unha actitude "claramente renuente e obstrucionista".

Constata, así mesmo, que o recurso de reposición presentando por Torra o 25 de setembro solicitando a suspensión da medida cautelar acordada (a retirada da pancarta co lazo amarelo) tiña como "única finalidade tentar dilatar, senón directamente desatender, o inmediato cumprimento daquilo para o que se lle requiriu".

Segundo o Ministerio Público, estes feitos son constitutivos dun delito de desobediencia, polo que pide un ano e oito meses de inhabilitación e unha multa de dez meses a razón de 100 euros diarios, é dicir, un total duns 30.000 euros, ademais de facer fronte ás custas procesuais.

Noticias web

27/05/2021