CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide catro anos de cárcere para Gayoso e a ex-cúpula de Caixanova por administración desleal

Publicado o 28/10/2019 20:08

Comeza un novo xuízo contra os directivos da antiga Caixanova por unha operación inmobiliaria, cando menos, sospeitosa. Acúsanos de concederlle un préstamo de 67 millóns de euros a unha sociedade sen as garantías suficientes. Caixanova perdeu case 42 millóns nesa operación.

Era 2007.  Catro directivos de Caixanova participaron na concesión dun préstamo de 67 millóns de euros a unha sociedade inmobiliaria para a compra dun solar en Rivas Vaciamadrid. A instrución desvelou que nunca se explicaron os riscos da operación e que non se valorou que os prestatarios tiñan problemas de liquidez e solvencia. De feito nunca devolveron os cartos. Un dos beneficiados era o irmán de Gregorio Gorriarán, daquela director xeral de Caixanova e un dos acusados.

O propio Gorriarán defendeu este luns, no xuízo, a operación, e declarou que non coñecía os negocios de seu irmán.

"Meu irmán non me contaba nada nin desta promoción nin doutras que tiña por toda España", dixo. Recoñeceu, porén, que foi el quen lle presentou a un dos socios da inmobiliaria. "Pero presenteillo como persoa", puntualizou en ton irado.

Caixanova perdeu con aquel préstamo 42 millóns de euros. Nos próximos dias declararán Julio Fernández Gayoso, Jose Luis Pego e Domingo González Mera.

A Fiscalía Anticorrupción pide 4 anos de prisión para cada un deles por xestión fraudulenta. ABANCA, que herdou as consecuencias, rebaixa a pena a tres anos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/10/2019