CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide 9 anos de inhabilitación para Homs pola consulta do 9-N

Publicado o 11/01/2017 20:45

No escrito de acusación pide que se abra xuízo oral contra o que foi conselleiro de Presidencia da Generalitat

A Fiscalía do Tribunal Supremo pide nove anos de inhabilitación para o deputado Francesc Homs pola consulta independentista do 9-N. Acúsao de delitos de prevaricación e desobediencia. 

O fiscal considera que, sendo conselleiro da Presidencia, Francesc Homs organizou e potenciou a consulta independentista do 9-N, sabendo que fora prohibida polo Tribunal Constitucional. Impútalle por iso dous delitos, un de prevaricación e outro de desobediencia grave, polo que pide que sexa inhabilitado durante nove anos para cargo público. Homs xa anuncia que se o inhabilitan deixará o Congreso, pero non a política.

"Eu non me vou porque o diga a Fiscalía, nin o Estado español nin o Tribunal Supremo. Eles queren que me vaia, e eu anúnciolles que non me penso ir", di.

Noutro auto que se coñeceu tamén este mércores, o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña rexeita que declaren como testemuñas o presidente do Goberno e o ministro de Xustiza no xuízo en que están procesados Artur Mas e as ex-conselleiras Joana Ortega e Irene Rigau, tamén pola consulta independentista. O Tribunal considera que as declaracións de Rajoy e Catalá son alleas ao que se vai xulgar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2017