CRTVG

Buscar

Piden 15 anos de cárcere para un home acusado de intentar asasinar a súa ex-parella en Ourense

Publicado o 17/06/2020 14:13

O acusado, Ramiro Vázquez, en prisión preventiva desde os feitos que aconteceron en decembro de 2018, sentou no banco dos acusados para enfrontarse a un presunto delito de asasinato en grao de tentativa e quebrantamento dunha orde de afastamento da súa ex-parella. Negouse a declarar ante o tribunal da Audiencia Provincial de Ourense.

A vítima fíxoo protexida por un biombo e relatou como o home entrara na súa casa, tiveran unha discusión e que, por sorpresa e por detrás, a amarrara cun albornoz para tratar de afogala. Despois de forcexar e case sen forzas puido escapar e foi pedir axuda á súa veciña e amiga, e chamaron a Policía.

A muller asegurou que tardara meses en formalizar a denuncia porque lle tiña moito medo, tamén dixo que desde o cárcere recibira varias chamadas del ameanzándoa con que se ativera ás consecuencias se declaraba no xulgado. Tamén manifestou que recibira visitas de ex-presidiarios coas mesmas ameazas.

Na vista tamén declararon varios policías que actuaron no caso e ratificaron o relato da vítima, á que, din, atoparon moi nervioa con marcas no pescozo e nos brazos, e aseguraron que a muller lle tiña pánico. Un axente de protección de vítimas de xénero confirmou a existencia desas chamadas ameazantes, que tamén se están a investigar. A amiga da vítima que a socorreu declarou, tamén protexida, que as ameazas con facerlle dano a ela e ao seu fillo eran continuas.

A fiscalía e a acusación particular piden para o acusado unha pena de 15 anos de cárcere por un presunto delito de asasinato en grao de tentativa e quebrantamento da orde de afastamento; a defensa pide a libre absolución. A vista continuará coa declaración de máis testemuñas e os médicos forenses.

 

Noticias web

17/06/2020