CRTVG

Buscar

O xulgado decide se mantén a corentena obrigatoria aos estudantes nun hotel de Palma

Publicado o 30/06/2021 10:36

Os contaxios derivados das viaxes a Mallorca seguen aumentando. Se onte eran case 1.200 positivos confirmados, este mércores a cifra subiu polo menos en 200 máis notificados en Madrid e Cataluña.

Un mozo de 18 anos de Elxe, contaxiado no macrobotellón de Mallorca, ingresou na UCI nas últimas horas. É o caso máis grave, de momento, deste gromo que non deixa de sumar positivos. Hai casos xa en 11 comunidades.

Mentres o desfase segue na illa: agora no hotel dos confinados. A Policía Local tivo que entrar de madrugada para deter a festa, con música e alcol. Investigan se locais do contorno lles facilitaron bebida dende as terrazas.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo vai decidir hoxe se ratifica a corentena obrigatoria: a Fiscalía oponse á decisión do Goberno balear de confinar forzosamente os estudantes. Considera que as medidas adoptadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública "non resultan plenamente xustificadas nin proporcionadas".

O Ministerio Público cuestionou que a resolución "non especifica nin concreta de forma clara nin directa" a ningún dos alumnos, sen facer referencias á situación particular de cada un deles -como a data de chegada, período de estancia na illa, grupo ao que pertencía, actividades realizadas ou o hotel en que se hospedaron-. Tras recibir o informe da Fiscalía, o xulgado solicitou máis información ao Govern para decidir sobre a medida.

Un de cada catro, o 25,7 %, dos 249 mozos peninsulares illados nun hotel ponte de Palma pola súa relación co gromo deron positivo en covid-19 nas probas PCR que se lles realizaron. Dos 64 que deron positivo, 14 están ingresados con síntomas leves. A conselleira de saúde balear pide "comprensión e ser conscientes da situación e da gravidade do gromo".

O Xulgado de Instrución número 5 de Palma, en funcións de garda, denegou o habeas corpus solicitado por tres estudantes que están en illamento e que denunciaron o goberno balear a través dos seus pais. A Fiscalía porén deulles esperanzas xa que manifestou a súa oposición ao illamento forzoso que están a vivir. A nai dun rapaz confinado non entende por que non lles dan explicacións e teñen confinado o seu fillo, cando chegou máis tarde e di que non estivo "nin na festa nin no concerto nin no botellón".

 

Noticias web

30/06/2021