A Fiscalía francesa investiga como terrorista o asasinato dunha policía preto de París

A Fiscalía Nacional Antiterrorista francesa asumiu este venres a investigación do asasinato dunha axente de policía preto de París, que faleceu pouco despois de ser apuñalada. A investigación abriuse por asasinato dunha persoa depositaria da autoridade pública en relación cunha organización terrorista e por asociación terrorista.
Os feitos tiveron lugar cara ás 14.30 na comisaría de Rambouillet, a uns 50 quilómetros ao suroeste da capital, e o seu agresor, de nacionalidade tunisiana, segundo os medios, morreu tamén como consecuencia dos disparos recibidos ao ser arrestado. O fiscal nacional antiterrorista, Jean- François Ricard, explicou ante a prensa que a súa oficina se fixo cargo do caso "polo desenvolvemento dos feitos, que inclúe elementos de localización. Tamén pola súa realización, a modalidade do crime, o tipo de vítima e as declaracións do autor no momento dos feitos".
A emisora France Info detallou que o agresor tiña 36 anos, chegou a Francia en 2009 e non estaba fichado polos servizos de intelixencia. A cadea BFM TV engadiu que entrou no país de forma ilegal, regularizou a súa situación en 2019 e traballaba como repartidor. O primeiro ministro, Jean Castex, que se desprazou ata o lugar para coñecer de primeira man o sucedido, denunciou ante os medios que a muller foi asasinada "de forma covarde e en condicións dramáticas".
O xefe de Goberno rendeu homenaxe aos axentes que "neutralizaron inmediatamente" ao terrorista e subliñou á poboación que a determinación do país para loitar contra o terrorismo "está máis intacta que nunca". Antes de acudir ao escenario do ataque, Castex destacou nunha mensaxe en Twitter que Francia acababa de perder "a unha das súas heroínas cotiás nun acto bárbaro".