CRTVG

Buscar

O Goberno promete medidas contra delitos de odio malia a denuncia falsa de Malasaña

Publicado o 09/09/2021 11:10
AXENCIAS

A Policía Nacional xa remitiu ao xulgado o atestado completo da investigación sobre o mozo que denunciou ser agredido no barrio madrileño de Malasaña, cando en realidade as lesións foron consentidas, e será a Fiscalía quen decida se lle imputa simulación de delito.

Segundo informaron a EFE fontes da investigación este xoves, os axentes xa enviaron o atestado completo aos xulgados de Praza de Castilla, incluída a confesión do mozo. A causa está pendente de repartición entre os xulgados de instrución de Madrid.

A simulación de delito, tipificada no artigo 457 do Código penal, prevé unha pena de seis a doce meses de cárcere para a persoa que, ante algún funcionario, "simular ser responsable ou vítima dunha infracción penal ou denunciar unha inexistente, provocando actuacións procesuais". É diferente á infracción de denuncia falsa, xa que esta directamente sinala ou culpa dun delito unha persoa ou persoas concretas.

A investigación do caso, que suscitou un amplo debate sobre a repunta dos delitos de odio e a homofobia, deu un xiro onte mércores, cando, ante a inconsistencia da súa primeira declaración, a Policía Nacional tomou unha nova declaración ao denunciante, quen confesou que inventara a agresión.

Tras varias horas de interrogatorio, o mozo admitiu que as feridas foron consentidas mentres mantiña relacións sadomasoquistas con outras dúas persoas, coas que contactara por redes sociais, noutra vivenda.

Na súa declaración manifestou que, cando chegou ao seu domicilio, o seu noivo curoulle as feridas e urxiuno a que fose a un centro sanitario. Nese hospital, a enfermeira que o atendeu díxolle que tiña que denunciar os feitos, porque poñerían o delito en coñecemento da Policía Nacional.

Por ese motivo, para esconder a infidelidade, acudiu na tarde do domingo á Comisaría de Centro para interpoñer unha denuncia. Desde ese momento, a Policía Xudicial de Centro e a Brigada Provincial de Información iniciaron as pescudas analizando as cámaras da rúa e tomando declaración aos veciños e comerciantes.

Con todo, estas investigacións non deron os seus froitos, xa que ninguén vira nada e nas cámaras non saía un grupo similar ao que o mozo relatara.

Isto motivou as sospeitas dos policías, que pediron en numerosas ocasións a colaboración da vítima. Mesmo chegaron a investigar a súa exparella por se estivese relacionada cos feitos. Outro dos aspectos que máis dúbidas xeraron aos axentes é que pediron ao mozo a roupa que vestía cando sufriu a agresión e alegou que a lavara despois.

Marlaska pide non banalizar delitos de odio 

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska pediu non banalizar os delitos de odio por que un mozo denunciase falsamente sufrir unha agresión homófoba en Madrid e estima que non debe dimitir polas manifestacións que realizou sobre estes feitos.

En declaracións aos xornalistas este xoves tras inaugurar un cuartel da Garda Civil en Villalbilla (Madrid), Grande-Marlaska negou que "gardase" a información. O ministro dixo que a Policía non lle trasladara antes de onte pola tarde ningunha sospeita sobre as incoherencias do denunciante e o Ministerio informou en canto tivo coñecemento.

"Evidentemente, decateime onte a media tarde, cando declarou o denunciante sobre os feitos, que modificou a súa declaración, e boa proba diso é que inmediatamente o propio Ministerio do Interior, sendo coñecedor do que este asunto atraera a opinión pública, deu a noticia e expuxo o que acontecera no desenvolvemento da investigación", asegurou.

Sobre a petición de partidos da oposición de que dimita por este episodio dixo: "Eu a única responsabilidade que asumo é a de seguir traballando, e o que me preocupa moito é que, ante un acontecemento coma este, parece ser que todo o mundo esquece que se incrementaron os delitos de odio no último ano nun dez por cento". Con todo, recoñeceu o dano que este caso lle fai ao colectivo LGTBI.

E engadiu: "A min o que me parece grave é que banalicemos algo tan importante como estes feitos que nos deberían preocupar a todos, porque implican e determinan un ataque ao que é a base dunha democracia, que son os dereitos humanos, as liberdades fundamentais e a dignidade das persoas".

Sánchez promete medidas para frear o incremento dos delitos de odio

O presidente do Goberno Pedro Sánchez mostrou este xoves a súa "solidariedade, agarimo e empatía" cara ás persoas LGTBI, ás que prometeu que o Executivo central seguirá poñendo encima da mesa "medidas e instrumentos para frear ese incremento de delitos de odio".

"Esa denuncia falsa non pode impedir describir o que é verdade. A realidade que sofren, por desgraza, persoas de distintas orientacións sexuais", sinalou respecto diso o xefe do Executivo central.

Neste sentido, Sánchez resaltou o "compromiso" do Goberno de España coa "tolerancia, o respecto e a diversidade". 

Noticias web

09/09/2021