CRTVG

Buscar

A Fiscalía conclúe que non hai dúbida de que César Adrio asasinou a Ana Enjamio

Publicado o 18/12/2019 17:11

• A defensa lembra o caso Wanninkhoff

Na última sesión do xuízo polo crime machista de Ana Enjamio, as partes presentaron os seus alegatos finais. A Fiscalía e os avogados que representan a acusacion particular e popular pediron ao xurado que declare culpable o acusado.

Consideran que na vista quedaron probados os delitos que se lle imputan, acoso e asasinato con asañamento e aleivosía, cos agraventes de parentesco e de xénero. Recoñeceron que nunca apareceu a arma do crime, o telefono móbil da vítima e a roupa que levaba Adrio na noite do crime.

Porén, a fiscal explicou que hai probas que demostran a súa implicación nos feitos, como o sangue que apareceu no seu coche o os restos do seu adn na roupa de Ana. Ademais, sostén que hai feitos, acreditados polas declaracións das testemuñas, que certifican que a vítima sufría acoso. Os seus amigos relataron os seguimentos que lle facía Cesar Adrio e el mesmo recoñeceu o roubo do teléfono móbil de Ana, o envío de fotos comprometidas e a instalación dunha aplicación espía para controla.

A representante do ministerio fiscal relatou a brutalidade dun ataque que só tiña a finalidade de acabar coa vida da moza sen darlle oportunidade de defensa e por motivos de xénero, xa que o acusado non soportaba que estivera con ninguén máis. Fiscalía e acusación desmontaron a estratexia da defensa. Cualificárona de posta en escena coa que só pretenden xerar dúbidas no xurado.

Definiron de patéticas as explicacións e as coartadas de Adrio e mantiveron que non hai outra explicación posible para o crime. O avogado da familia da vítima pediu xustiza para Ana e lembrou ao xurado que noutros casos como o de Asunta bastaron indicios para emitir unha condena de culpabilidade.

A defensa lembra o caso Wanninkhoff

A defensa cuestionou a credibilidade das testemuñas e peritos que compareceron no xuízo celebrado na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, en Vigo, e lembrou o caso do asasinato de Rocío Wanninkhoff, e o encarceramento dunha muller que resultou ser inocente. Así o trasladou o avogado de César Adrio na presentación do seu informe final ante o tribunal de xurado, e lamentou que o seu cliente, que renunciou ao seu dereito para pronunciar a última palabra na vista, foi xa o "sospeitoso número 1 desde o principio" e toda a investigación dirixiuse a incriminalo.

Segundo incidiu, o acusado sempre reivindicou a súa inocencia, e non puido acosar nin matar a Ana Enjamio porque mantiña unha relación con ela. De feito, incidiu en que "viviron unha auténtica paixón", cunha "atracción física irresistible".

Pola súa banda, a letrada da Xunta, que exerce a acusación popular, tamén sinalou a culpabilidade do acusado e recalcou que "non había nada de normal" na súa relación coa vítima. "Di que non puido matar á muller da súa vida, pero é que a violencia de xénero é iso. Hai amores que matan", recalcou e afirmou que "non hai outra explicación" que a violencia machista para este crime.

 

Noticias web

18/12/2019