CRTVG

Buscar

A Fiscalía acusa un transportista de lesións e ameazas pola agresión a dous ciclistas ás portas de Ence

Publicado o 18/02/2020 13:21

Xa está ditado o auto de apertura de xuízo oral, aínda sen data, contra o transportista que atacou cun martelo dous ciclistas ás portas da factoría pontevedresa de Ence. Os feitos producíronse o 25 de outubro de 2018 e quedaron rexistrados nestas imaxes de teléfono móbil, que reflicten como o camioneiro agrediu un dos ciclistas e guindou a bicicleta.

Segundo a versión das vítimas, o camión adiantounos indebidamente metros atrás e cando entraba na vía de acceso a Ence puxéronselle diante, baixaron das bicicletas e dirixíronse á cabina para recriminarlle a súa acción.

Daquela, Anxo Iglesias explicaba que como el logrou fuxir, o camioneiro dirixiuse entón ao seu compañeiro. Delfín Santiago Macías, pola súa banda, detallaba como o home o ameazaba e, tras tirar a bicicleta, golpeábao nun ombreiro e no casco, que quedou desfeito.

Desfíxolle o casco e provocoulle un traumatismo cranioencefálico leve. Despois, sufriu un trastorno por estrés postraumático do que aínda non se recuperou, segundo relata no seu escrito a Fiscalía. Por todo isto, pide que o transportista, que perdeu o seu traballo a consecuencia do suceso, sexa condenado por un delito leve de lesións, outro de ameazas e outro de danos, que segundo a Fiscalía implican unha multa de 5.700 euros. Así mesmo, reclama que indemnice con 8.800 euros o ciclista agredido e con outros 780 o Sergas.

Noticias web

18/02/2020