CRTVG

Buscar

A fiscalía acusa a Netanyahu de fraude, suborno e abuso de confianza

Publicado o 21/11/2019 18:41
A fiscalía acusa a Netanyahu de fraude, suborno e abuso de confianza

O fiscal xeral de Israel, Avijai Mandelblit, formalizou hoxe a acusación do primeiro ministro en funcións, Benjamín Netanyahu, por fraude, suborno e abuso de confianza en tres casos de corrupción, o que supón un novo golpe no inestable e bloqueado panorama político israelí. A Fiscalía decidiu acusar o xefe de Goberno nos chamados casos 1000, 2000 e 4000, informou o Ministerio de Xustiza nun comunicado,

Nos tres casos, Netanyahu foi acusado de fraude e abuso de confianza, e ademais, no 4000, considérase que cometeu suborno, a acusación máis grave que pon aínda máis en cuestión a súa lexitimidade no cargo que ostenta, aínda que legalmente non está obrigado a dimitir.

No coñecido como caso 4000 ou Bezeq, Netanyahu é acusado de facer favores entre 2012 e 2017 ao xigante de telefonía israelí Bezeq a cambio de cobertura favorable del e a súa muller, Sara, nunha popular dixital de noticias Walla, ambos controlados polo mesmo empresario, Shaul Elovitch, que tamén é acusado, xunto á súa muller, Iris.

No caso 1000, é sospeitoso de aceptar luxosos agasallos de millonarios para el e a súa familia -por ata un millón de shéqueles (uns 260.000 euros) en carísimos puros, xoias, viaxes e champaña francés- de dous millonarios a cambio de favores. No caso 2000 examínase un presunto intento de pacto con Arnon Mozes - tambien acusado-, editor do diario de pago de maior difusión de Israel, o  Yediot Aharonot", para lograr unha cobertura máis positiva sobre el a cambio de danar a distribución do diario rival, o gratuíto Israel Hayom.

Como acusado, Netanyahu non estaría obrigado a deixar o seu cargo de primeiro ministro ou deputado, pero se finalmente é condenado, o Parlamento (Knéset) poderá votar a súa destitución se o delito implica "depravación moral", como ocorre coa acusación de suborno, segundo recolle a Lei básica israelí, con rango constitucional.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/11/2019