CRTVG

Buscar

A Fiscalía acusa a Audasa de cobros abusivos de peaxes durante as obras de Rande

Publicado o 11/02/2020 15:02

Os seis quilómetros que separan o enlace de Cangas e o de Teis na AP-9 estiveron en obras durante tres anos. Nese tempo, os condutores circularon por unha autoestrada con menos carrís, con límites de velocidade inferiores aos habituais e con retencións constantes. Pero pagaron o importe completo da peaxe, que mesmo se incrementou nese período. Isto é o que alega a Fiscalía para solicitar que se declaren nulas as peaxes cobradas por Audasa na ponte de Rande, e tamén o pagamento dunha indemnización que duplique o custo das mesmas. E dá datos: durante as obras, o tramo rexistrou 77 millóns de tránsitos, e Audasa recadou 90 millóns de euros polo paso de vehículos lixeiros.

O xuízo que hoxe comeza no Mercantil número un de Pontevedra responde á demanda colectiva presentada pola Fiscalía Provincial á que se adheriron dúas asociacións de afectados, Adicae e En Colectivo, e outros oito particulares. A Avogacía do Estado tamén se presentou na causa, o que lle valeu as críticas do Goberno galego e do Concello de Vigo, por entender que o Ministerio de Transportes se alía con Audasa.

O departamento de Ábalos asegura que a presentación da Avogacía responde a criterios técnicos, a di estar de acordo coa esixencia de responsabilidades á filial de Itínere.

Noticias web

11/02/2020