CRTVG

Buscar

A Fiscalía abre dilixencias para localizar os responsables dos incendios en Asturias

Publicado o 05/03/2019 16:38

Asturias rexistraba a primeiras horas da mañá 14 incendios forestais activos e outros 23 estaban controlados ou en fase de extinción. Non hai datos precisos da superficie queimada, que afecta unha vintena de concellos do Principado.

Os focos que máis preocupan ás autoridades son os dous localizados no concello de Llanes, no oriente asturiano. Neste punto traballa unha das seccións da Unidade Militar de Emerxencias desprazada a Asturias.

En total, máis de 400 efectivos, entre bombeiros, brigadistas e militares loitan contra o lume nos montes asturianos, apoiados desde o aire por 9 hidroavións e helicópteros.

O seu traballo estase vendo dificultado polo forte vento que sopra na zona. Na veciña Cantabria só permanecen activos dous incendios forestais, un na comarca de Saja-Nansa e outro na de Liébana.

A Fiscalía abre dilixencias
Para o Goberno do Principado a causa dos incendios está clara. Son intencionados. E hai datos para apoiar esa tese. Son os das brigadas de investigación: o 82% dos incendios do ano pasado tivo detrás a man intencionada do home. Houbo 87 sentenzas condenatorias. Mesmo se atreven co porqué. O interese dos gandeiros en rexenerar o pasto. Así que esta vez, como xa acontecera en anos anteriores, e tras a denuncia do conselleiro de Presidencia, volve intervir a Fiscalía Superior de Asturias. Abre dilixencias para intentar localizar os pirómanos. Pediulle ao Goberno asturiano que lle facilite datos sobre os labores de extinción e tamén os de prevención. E as Forzas de Seguridade do Estado solicítalles os atestados de cada lume. Mentres, gandeiros e ecoloxistas axitan unha polémica que se repite unha e outra vez coa vaga de incendios invernais. No foco está a fin dos acoutamentos ao pastoreo de chan queimado, unha normativa aprobada no Parlamento asturiano no 2017.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/03/2019