CRTVG

Buscar

A Fiscalía abre 11 novas investigacións penais polas residencias, unha en Galicia

Publicado o 10/06/2020 12:27
A Fiscalía abre 11 novas investigacións penais polas residencias, unha en Galicia

A Fiscalía abriu 11 novas investigacións penais pola situación creada nas residencias de maiores na pandemia de coronavirus, unha delas en Galicia.

En total, son 186 as dilixencias abertas en toda España, a metade delas na Comunidade de Madrid.

Das 11 novas dilixencias de investigación máis da metade corresponden á Comunidade de Madrid (6) e o resto a Castela-A Mancha (2), Castela e León (2) e Galicia (1).

No global de investigacións a Comunidade de Madrid encabeza a táboa, con 88 dilixencias, seguida de Cataluña (29), Castela-A Mancha (20), Castela e León (19) e Galicia (13).

Outras comunidades como Asturias, Canarias, Cantabria, Murcia, Navarra e País Vasco seguen sen ter investigacións penais en curso.

Nesta última semana decretouse o arquivo de dous expedientes de dilixencias penais en Zamora e Estremadura, neste caso polo traslado da investigación a Cáceres.

Tamén se arquivaron catro dilixencias de índole civil, tres pola Fiscalía Provincial de Valencia e unha na Fiscalía de Elxe-Orihuela, por comprobarse a inexistencia de situacións irregulares nos centros.

Máis aló das investigacións penais, a Fiscalía tamén impulsou ao redor de 200 dilixencias de índole civil no marco do seguimento da situación das residencias e centros de maiores distribuídos polo país.

Con todo, incoáronse sete novos expedientes civís, tres na Comunidade Valenciana, e o resto en Estremadura, Murcia, Navarra e Madrid.

As investigacións penais abertas pola Fiscalía nos diferentes ámbitos territoriais teñen como orixe denuncias interpostas por partidos políticos, particulares e asociacións.

Esta semana, a Fiscalía recibiu nova información actualizada en relación coas residencias obxecto de seguimento, algo que facilitou o "coñecemento das necesidades que se expoñen nese ámbito en relación coa actividade  tuitiva" do Ministerio Fiscal.

Máis aló das investigacións penais, a Fiscalía tamén impulsou arredor de 200 dilixencias de índole civil no marco do seguimento da situación das residencias e centros de maiores distribuídos polo país.