CRTVG

Buscar

A Fiscalía: "A AP-9 non reunía as condicións de autoestrada durante as obras"

Publicado o 12/02/2020 18:31

• O xuízo contra Audasa, visto para sentenza


O Ministerio Público concluíu que o tramo da ponte de Rande da AP-9 "non tiña condicións de autoestrada" durante as obras, polo que a concesionaria, Audasa, "tería que reducir o prezo da peaxe". Así o indicaron os dous fiscais do caso, Alejandro Tuero e Santiago Miguel Cruces, nas súas conclusións durante o xuízo contra Audasa, acusada pola Fiscalía de prácticas abusivas por manter a cobranza íntegra da peaxe durante as obras de ampliación da ponte de Rande.

O xuízo, que se desenvolvía no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, quedou este mércores visto para sentenza. Nas súas conclusións, o Ministerio Público insistiu en que "non existía nin un só cartel que permitise ao usuario que accedía á AP-9 saber como se atopaba ese día", de modo que non había "liberdade de elección" doutra vía alternativa nin se cumpría o "deber de información". Os representantes do Ministerio Público sinalaron que o maxistrado Manuel Marquina ten a "oportunidade" de, coa súa sentenza, "demostrar que en Galicia si se protexe desde primeira instancia os dereitos dos consumidores"

 Pola súa banda, os letrados que defenden os intereses da empresa Audasa só recoñecen "retencións puntuais" durante toda esa etapa, sinalan que a maioría foron "alleas ás obras" e responsabilizan a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) de non advertir os condutores antes de entrar na vía de que podían atopar atascos e retencións. O avogado do Estado defendeu que a cobranza desa peaxe é resultado da aplicación da Lei de autoestradas de peaxe e do contrato asinado entre o Ministerio e Audasa que sinalan que os usuarios están obrigados a pagar a peaxe. Ademais, alertou de que "hai un gravísimo risco de que o importe da condena retornarse como un boomerang aos orzamentos do Estado".

O perito reduce a 86 o número de incidencias

Nesta segunda sesión do xuízo declarou, a petición da empresa Audasa, un perito que reduciu a 86 o número de incidencias sufridas neste período, fronte ás 202 que aparecen recollidas na demanda presentada pola Fiscalía Provincial de Pontevedra. Así, concluíu que durante o tempo das obras houbo 106 horas anuais de demoras, por baixo do límite que establece o regulamento de Estradas do Estado para que poidan ser consideradas significativas.

A preguntas da Fiscalía, este perito recoñeceu que durante o tempo das obras reducíronse as beiravías e número de carrís, de modo que as características da vía "non son as condicións óptimas dunha autoestrada". Así mesmo, sinalou que "Audasa é un bo cliente meu" e admitiu que no informe elaborado para esta causa cualifica como incidentes na circulación varios episodios que logo non se inclúen nese cálculo final sinalado no seu testemuño.

Os garda civís falan de retencións importantes

Tamén prestaron declaración varios axentes da Garda Civil que relataron como neste tramo da autoestrada durante os días laborables "había retencións e atascos importantes, sobre todo cando chovía". Ademais, os garda civís detallaron algún caso "puntual" en que o "colapso" era tan importante que tiveron que impedir o acceso á AP-9 a máis vehículos porque "xa non entraban máis".

O fiscal: "Non se podía considerar unha autoestrada"

 Ao final a sesión deste mércores, en declaracións aos xornalistas, o fiscal Miguel Cruces valorou que el entende que "as pretensións da Fiscalía quedaron acreditadas" respecto á acción de cesamento, "vostede non pode cobrar o mesmo se dá servizos distintos", explicou. "Estamos totalmente satisfeitos co resultado da proba", comentou este fiscal. "Entendemos que poden prosperar as pretensións da Fiscalía", engadiu. 

O representante do Ministerio Público lembrou que o testemuño do perito de Audasa concluíu que no momento que duraron os traballos de ampliación da Ponte de Rande "non se podía considerar unha autoestrada". E remarcou que as molestias ocasionadas polas obras "debían ser tidas en conta para os efectos de moderar o prezo que pagaban os cidadáns e usuarios por esa prestación".

O fiscal Miguel Cruces asegurou que "existe unha sólida base legal" que admite que a peaxe "ten a consideración de prezo máximo" unha tese que defendeu a Avogacía do Estado en diferentes procedementos ante o Tribunal Supremo e o Constitucional pero que "agora cambiou de opinión" argumentando que esa redución no prezo da peaxe non está permitida legalmente. O fiscal insistiu en que "en ningún caso é unha cuestión administrativa, é unha cuestión meramente civil", por tanto estaría enmarcada "nas relacións dos usuarios coa concesionaria e en canto ás facultades empresariais que tiña Audasa".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2020