CRTVG

Buscar

A fibrilación auricular é a primeira causa de morte nas mulleres en Galicia

Publicado o 01/02/2019 21:38

A fibrilación auricular provoca un terzo dos ictus cerebrais, que son a primeira causa de morte nas mulleres en Galicia. Unha arritmia que centra un simposio en Santiago con expertos de toda España. A boa noticia en cardioloxía é que en Galicia descendeu a mortalidade por doenzas cardiovasculares.

A fibrilación auricular é a arritmia máis frecuente que afecta un 10 por cento da poboación maior de 70 anos. Asociada a un terzo dos ictus cerebrais, urxe un diagnóstico prematuro. Sobre esta doenza debátese esta fin de semana nun simposio médico en Santiago.

Galicia é unha das comunidades onde máis se reduciu a mortalidade por doenzas cardiovasculares grazas aos avances na prevención e na atención aos infartos de miocardio. Coidando a dieta, facendo exercicio aeróbico e deixando malos hábitos como o tabaco, a marxe de prevención é moi alta.

Pero o envellecemento da poboación trae consigo unha insuficiencia cardíaca que non para de medrar, e que ademais acada un gasto sanitario público moi alto.

Outra prioridade para Galicia é deixar de ser líderes en obesidade infantil. Os expertos advirten que, de non tomar medidas urxentes, moitos dos nenos entre 8 e 15 anos, terán unha esperanza de vida máis curta que seus pais.



 

Noticias web

01/02/2019