CRTVG

Buscar

A festa non para en moitos puntos de Galicia

Publicado o 05/03/2019 15:39

En Manzaneda, día grande do Entroido. Os folións de toda a comarca concéntranse na vila para percorrer as rúas. Diante van as mázcaras cos seus puchos cheos de cor e as súas ancestrais danzas, bailando ao ritmo que marcan os bombos e as aixadas.

Os folións, embaixadores do Entroido de cada parroquia, piden permiso para entrar na vila.

Tras a a autorización do mordomo comeza o desfile. Resoan os folións, en cada zona teñen un ritmo distinto, sinal de identidade gravado a sangue na pel dos bombos.

Diante danzan as mázcaras, seguindo o son dos bombos e aixadas coas súas chocas, na punta dos pés xiran sobre o seu propio eixe. Sobre as súas cabezas os seus característico puchos de ata un metro de alto cheos de cor.

Un baile hipnótico cunha orixe que se perde no tempo. A esencia dun dos entroidos máis auténticos de cantos se conservan.

En San Pedro da Mezquita os galos volveron percorrer as casas desta parroquia da Merca. Naquelas en que lles abriron a porta saborearon doces e licores. Despois agardaron os fieis á saída da misa da igrexa parroquial. Os galos fixeron bailar os fregueses, repetindo os costumes de varias xeracións. Un Entroido que lograron recuperar e revitalizar nos últimos anos os veciños desta parroquia. A festa perdérase a mediados dos anos sesenta do século pasado.

Os peliqueiros de Laza viven hoxe o seu intre de despedida do Entroido. É o día en que os veteranos locen os seus elaborados traxes e caretas e fan soar as chocas por última vez. Unha xornada que comeza ben cedo e que se estende ata a fin da festa co testamento do burro. ​

O ritual de vestir as distintas pezas do traxe de peliqueiro esixe paciencia e axuda. Hoxe é o último día en que estes persoeiros participan do Entroido en Laza. Os veteranos aproveitan a xornada para ensinar aos novos o que significa ser un peliqueiro auténtico. A festa en Laza remata esta noite co testamento do burro, outro fito para non perder neste Entroido tan singular.

A tradición manda que os peliqueiros saian á rúa e vaian de casa en casa, para recoller máis compañeiros e tamén para degustar a bica e o xastreu, o imprescindible licor de Laza. O xeito de trotar, de facer soar as chocas, de xirar ou de meterse na pelica que cobre o persoeiro, é o que se admira nun bo peliqueiro. 

Este Martes de Entroido en Laza o protagonismo recae nos peliqueiros con máis experiencia. Aproveiten para velos porque ata o ano próximo non reaparecen.

Os xenerais da Ulla saíron á rua dacabalo en Touro

A orixe dos xenerais da Ulla remóntase ao século XIX, nos enfrontamentos armados que tiveron lugar daquela na comarca. Daquela o exército loitaba de verdade. Hoxe, a loita é dialéctica. Chámanlles atranques, batallas verbais entre a análise e a retranca.

Isto está inspirado nas guerras de Francia, os xenerais locen o uniforme máis vistoso, co seu tricornio de plumas. Subir a un destes cabalos no Entroido é unha ilusión para moita xente nova do lugar.

Pola mañá a comitiva percorre as parroquias dando vivas á veciñanza e a todas aquelas persoas que se achegan a Touro para gozar deste espectáculo tradicional.

O Carnaval do Ulla é unha celebración que une a varios concellos da comarca, unha festa que se preserva grazas á entrega das xentes do lugar.

Tras os mandos militares e os correos, un auténtico exército de disfraces, coros e comparsas. Pola tarde chegarán os atranques.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/03/2019