CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A Festa do Polbo do Carballiño estará este ano dedicada aos seus emigrantes de Bos Aires

Publicado o 18/06/2018 15:25

Queda pouco máis dun mes para a Festa do Polbo do Carballiño, este ano dedicada aos seus emigrantes de Bos Aires. Coñecémolos un pouco mellor a través da institución que os representa na Arxentina, o Centro do Partido do Carballiño.

Ás miñas costas ven unha figura do Apóstolo Santiago, un hórreo, un carballo e ata un cruceiro. Ben podería parecer que estamos en calquera aldea galega pero o certo é que nos atopamos en pleno Bos Aires, no Centro do Partido de Carballiño da capital arxentina, e a eles, aos seus emigrantes, dedícaselles este ano a festa do polbo máis importante de Galicia.

Esta 56 edición da Festa do Polbo do Carballiño convídanos a bailar un tango. Esa é polo menos a idea do cartel coa que os organizadores queren homenaxear os milleiros de carballiñeses que emigraron a Bos Aires e crearon a súa particular réplica do concello no país suramericano.

María Silvana Reinoso, secretaria do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires: "Ese 'afiche' como dicimos aquí, no que fala un pouco desa unión e esa comuñón en que se ve o tango e o polbo, e O Carballiño de España e O Carballiño de Bos Aires".

O tributo que chega xusto cando a institución fai 100 anos e moitos dos seus socios son xa fillos e netos daqueles migrantes.

Pese a todo, non deixan de lado as súas raíces e no Carballiño porteño aprenden galego, danza tradicional e ata a preparar o prato con máis sona da nosa gastronomía, para cada agosto recrear a festa do polbo máis internacional na quinta provincia.

María Silvana Reinoso, secretaria do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires: "Alá celébrase o segundo domingo de agosto, aquí o cuarto".

Emilio Nogueira Fariñas, presidente do Centro Partido do Carballiño en Bos Aires: "Para que os que viaxan o poidan celebrar aló e tamén aquí".

Polbo á parte, xa preparan unha semana de cultura galega en Bos Aires para celebrar o seu centenario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí