A festa da Ascensión, sen nora nin feira
Segundo o dito popular, "tres xoves hai no ano que relocen máis ca o sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión". O sol loce pero este ano en Santiago a festa está apagada. Nin atraccións, nin feira, nin música. As rúas baleiras son as imaxes inéditas desta Ascensión. Imaxes que adiantan o que pode pasar tamén noutras festas, doutros lugares.
Tamén hai quen agardaba pola banda muncipal. Non hai festa sen os seus concertos. El mira a pantalla intentando entender esta realidade estraña. Desescalar a Ascensión é, en si mesmo, unha contradición.
As Marías son as únicas que permanecen, esperando a que chegue a xente á alameda. Soñan coas cores, a música, os olores, o bulicio dos festeiros que nunca perden a festa, probablemente, máis querida polos composteláns. As noites de baile, as luces da impoñente noria. Non son a únicas, todos botamos algo de menos.
Os cabalos na feira, o polbo fervendo na pota, quedar cos amigos para comer na carballeira de Santa Susana, parece agora imposible. Recordaremos esta Ascensión triste e apagada. Pero quedemos co bo: non chove, e iso evítanos corenta días de chuvia máis; a cidade, espida pola festa e sen tantos turistas, tamén está fermosa. E como o mundo no para de xirar... sabemos que as luces e a música volverán.