CRTVG

Buscar

A feira de Santos en Monterroso, puntual á cita dende hai máis de 700 anos

Publicado o 01/11/2019 13:06

A chuvia foi a protagonista dunha nova edición da tradicional Feira de Santos de Monterroso. A auga caeu de xeito ininterrompido ao longo da mañá e por ese motivo foron menos os asistentes ca en anos anteriores. Aínda así, houbo moitos visitantes na cúpula onde se concentran a maioría dos feirantes e nos arredores. Como é habitual, os produtos de temporada e os propios da zona foron os mais ofertados. Castañas, noces, queixos da Ulloa, mel, embutidos ou cogomelos encheron o recinto feiral. "Pásase mellor así con pouca xente porque hai máis sitio e é todo máis barato." "Hoxe está a cousa frouxa por culpa do tempo. A ver se veñen máis tarde." "Bastante frouxa. Cada ano imos a menos. Puido ser por causa da chuvia." "Traio mel da casa. Son apicultor e veño de Melide. Está é unha feira boa."  "Se non hai xente poa mañá, non vai mellorar pola tarde."

Tamén a feira de gando se viu afectada pola chuvia, cunha menor presenza tanto de compradores como de gandeiros que ofrecían os seus animais. Con todo, o certame segue a ser un dos que máis variedade e cantidade ofrece de toda Galicia en canto a especies e razas de gando. "Veño de Cangas. Levo 55 anos vindo pero antes a feira tiña máis gando." "Nós case vimos por vicio. Pero a feira non valeu moito, aínda que facemos o que podemos."

Un estudo do concello de Monterroso indica que a Feira de Santos comezou a celebrarse hai máis de 700 anos. Por eso xa se comezaron os trámites para que sexa declarada de Interese Turístico nacional. A feira vai continuar pola tarde con diferentes actividades, especialmente musicais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/11/2019