CRTVG

Buscar

A feira de Betanzos non foi a doutros anos

Publicado o 01/01/2021 14:13

Pero hoxe é un día de feira totalmente diferente en Betanzos. "Un día triste, un día con moita pena. Outros anos a estas horas había montóns de xente e mira hoxe", din.

Nada que ver con outros primeiros de ano de afluencia masiva cando veciños das comarcas da Coruña ou de Ferrol remataban aquí a troula.

Á parte das restricións da pandemia, o día tampouco axuda. "Vin dar unha volta pero hai que marchar porque co tempo que está". "A clientela fixa acostuma vir. Aparcan aquí abaixo, recollen os churros e o chocolate e marchan para a casa".

Os vendedores chegaron máis tarde do habitual e contra as 9 e media da mañá aínda se estaban montando os postos da feira.

As zapatillas de casa, un dos produtos máis demandados outros anos para descansar os pés despois de toda unha noite de festa, tampouco teñen o mellor día. De despachar ducias de pares, a vender dous ou tres. "Non se vendeu nada. Á parte do mal día que está, que había tempo que non chovía como este ano, a xente non sae, queda na casa".

O que máis se vendeu esta mañá foron os paraugas. Contra o mediodía parou de chover e parece que a xente se atreveu a saír da casa e o mercado animouse algo máis.

 

Noticias web

01/01/2021