CRTVG

Buscar

Propoñen que os cans non poidan andar pola muralla

Publicado o 16/04/2018 14:04

A favor e en contra dos cans na muralla. Así están en Lugo. 

A Federación de Asociacións Veciñais da cidade pide que os cans non poidan andar por riba do monumento, e os argumentos son que, segundo eles, os propietarios dos animais non recollen os excrementos e que os cans poden dar mala impresión aos turistas. Tamén esixen que os animais leven bozo e que se prohiban as correas extensibles. Entre os donos dos cans, claro, a solicitude da federación non foi ben recibida.

Nalgunhas horas do día a cantidade de cans que se poden ver paseando cos seus donos pola Muralla de Lugo é, a xuízo da Federación de Asociacións Veciñais, excesiva. O principal problema que detectan é a presenza de excrementos caninos que os propietarios deixan nas bolsas á vista de todo o mundo ou directamente sen recoller. Este problema vese agravado porque as ordenanzas impiden que se coloquen papeleiras no monumento. Ademais, os colectivos veciñais din que os cans poden supoñer un risco para turistas e paseantes e por iso piden que se prohiba que os animais suban á Muralla. Dita medida non foi ben recibida polos donos dos cans.

A Federación pide tamén que de xeito inmediato se obrigue aos propietarios de cans a levalos co bozo posto para que non poidan morder a ninguén nin mancarse entre eles. E tamén que se prohiban as correas extensibles xa que son demasiado longas e poderían provocar tropezos e caídas. Mesmo  propoñen crear un rexistro do ADN dos animais para que poidan ser identificados polos seus excrementos e sancionar os donos que deixen as deposicións na Muralla.

Servida a polémica, agora a Xunta e o Concello de Lugo terán que elaborar un regulamento para que os animais poidan ou non pasear tranquilamente pola muralla.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2018