CRTVG

Buscar

A familia Supertramp comeza unha viaxe por Europa sobre dúas rodas

Publicado o 09/07/2016 14:03

Óscar e Susana son os protagonistas desta aventura que compartirán cos seus dous fillos de seis e dous anos durante un ano

Imaxinan percorrer toda Europa enriba dunha bicicleta e facelo ademais acompañado dos seus fillos pequenos de dous e seis anos? Pois esa aventura ten nome e apelidos e dende este mediodía é unha realidade.

Os protagonistas son unha familia de Pontevedra, máis coñecidos como a familia Supertramp. A aventura da súa vida durará un ano.  

Estas bicicletas reclinables son o único medio de transporte da familia supertramp. Con elas percorren toda Europa nunha viaxe que durará un ano. Óscar e Susana son os protagonistas desta aventura que compartirán cos seus dous fillos de seis e dous anos.

Non son primeirizos neste eido. Cando a súa filla tiña vinte meses fixeron o traxecto Ámsterdan-París tamén en bicicleta. Agora serán uns meses máis, por iso parten ilusionados pero tamén nerviosos.

O inverno pasarano no sur de Europa e xa no verán irán cara ao norte. A súa decisión é toda unha maneira de reivindicar o pracer das pequenas cousas.

Porque nas súas mochilas van moitas cousas, sobre todo ilusión. Pero tamén os libros da pequena Lucía que seguirá cos seus estudos a través da rede.

Porque o que aprenderán nesta viaxe de seguro que non o atoparán nos libros. E, aínda que hoxe o peor foron as despedidas, a súa decisión é unha homenaxe a Alexander Supertramp, un mozo norteamericano que elixiu outra forma de vida, en contacto coa natureza e lonxe do cotián, como fórmula de felicidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2016