CRTVG

Buscar

A familia real visita a don Xoán Carlos no hospital madrileño onde foi intervido

Publicado o 09/04/2018 11:08

O rei don Xoán Carlos evoluciona favorablemente da operación de xeonllo á que foi sometido onte no hospital madrileño da Moraleja. Recibiu a visita dos Reis, Filipe VI e Letizia, acompañados polas súas fillas e por dona Sofía. Pouco antes acudira ao hospital a Infanta Elena.

O rei emérito don Xoán Carlos recibiu onte a visita das súas netas, dos Reis e da Raíña Sofía.Os cinco desprazáronse ao Hospital Universitario de La Moraleja nun coche que conducía o monarca. Como aconteceu o día anterior, a Raíña Letizia abriu a porta traseira do coche para que saíran a Princesa Leonor e dona Sofía. Don Filipe abriulle a outra porta á infanta Sofía.

A avoa e as súas netas dirixíronse xuntas, collidas das mans, ata a entrada do centro sanitario, onde posaron para os fotógrafos xunto cos Reis.

Á saída do hospital, Filipe VI respondeu cun "todo vai ben" á pregunta que lle fixo unha xornalista sobre a imaxe de unidade ofrecida pola familia real, unha semana despois do polémico episodio na misa de Pascua.

Tras a visita, que durou corenta e cinco minutos, don Filipe sinalou que o rei emérito se atopa moi ben e que pronto estará na casa. 

Don Xoán Carlos tamén recibiu onte a visita da infanta Elena.

A filla maior dos reis eméritos regresou pola tarde ao hospital, acompañada polos seus fillos Froilán e Victoria Federica, para reunirse con dona Sofía, que pasou o dia sen moverse do centro sanitario.

O rei emérito foi intervido para cambiar a prótese que se lle implantou hai sete anos no xeonllo dereito por outra de nova xeración. 

Dende onte está nun cuarto de planta, tras vinte e catro horas en observación na UCI.

Noticias web

09/04/2018