CRTVG

Buscar

A familia Franco terá que xustificar o traslado dos bens protexidos

Publicado o 11/05/2021 18:01
A familia Franco terá que xustificar o traslado dos bens protexidos

A Xunta de Galicia requiriulle á familia Franco documentación para tramitar a solicitude de traslado das dúas estatuas do mestre Mateo e da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que están no pazo de Meirás, catalogadas como bens de interese cultural (BIC).

Nun comunicado, o Goberno galego sinala que, dada a consideración destes bens, "é preciso contar con información máis detallada" para que poidan abandonar o palacete. Ademais, ordenou a súa permanencia no pazo "mentres a Administración autonómica non se pronuncie, para o que disporá de informes das principais institucións culturais" de Galicia.

A Dirección xeral de Patrimonio Cultural subliña que ten competencias na materia e que as esculturas románicas e a colección bibliográfica teñen o "máximo nivel de protección”. Por esta razón, dispuxo un prazo de dez días para que a familia do ditador documente polo miúdo a súa petición de traslado a outro lugar.

A familia Franco, segundo a orde da Xunta de Galicia, debe achegar abundante información sobre as "condicións de conservación, seguridade e protección", información que considera "imprescindible” para emitir “un xuízo sobre a conveniencia ou non do traslado fóra do pazo”.

A Xunta deuse un prazo de "tres meses" para avaliar se os citados bens que a familia Franco reclama como seus, e que desexa ter baixo a súa propiedade e control, poden efectivamente volver estar noutras propiedades da familia do ditador sen perder en ningún momento a consideración de bens BIC.

O Consello de Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes son as institucións que vai escoitar a Xunta. Tamén contará co asesoramento técnico de especialistas para "dispoñer dunha argumentación sólida, respectando sempre as garantías xurídicas".

Noticias web

11/05/2021