CRTVG

Buscar

A familia dun neno de Betanzos enfermo de cancro impulsa a investigación dos tumores cerebrais

Publicado o 30/10/2019 15:35

Betanzos involúcrase cun dos seus pequenos, Noel. Con el aprenderon que o meduloblastoma é un cancro cerebral. A familia impulsou unha campaña para xuntar esforzos e apoiar a investigación contra este cancro.

"Eu con isto o que quería é, si, buscar unha posible cura, pero tamén buscar que a xente se consciencie, e iso creo que si que o conseguimos", di Sonia González, nai de Noel.

E tanto, concienciados e comprometidos. Os cartos que recadaron xa están no Hospital Niño Jesús de Madrid para o primeiro dos ensaios clínicos apoiados pola familia de Noel a través da fundación CRIS. Buscan tratamento eficaz para as recaídas, máis alá da quimioterapia e da radioterapia. Agora van probar con virus e células nai.

"Inxectámolas no sangue do doente, metemos o virus dentro desas células e a idea é que cheguen ás células do tumor e alí o virus se replique e mate as células tumorais", explica Álvaro Lassaletta, da Unidade tumores cerebrais Hospital Niño Jesús.

O cancro é a primeira causa de mortalidade infantil, con case 1.400 casos diagnosticados cada ano. O obxectivo final de ensaios coma este é que ningún neno morra de cancro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/10/2019