CRTVG

Buscar

Multan un coruñés que faleceu tras deixar o coche mal aparcado

Publicado o 27/03/2019 21:49

Os feitos ocorreron o pasado 6 de marzo na rúa Pintor Joaquín Vaamonde da Coruña. Contra as 5 e media da mañá, unha patrulla da Policía Local detecta un coche aparcado nun paso de peóns e procede a intervir sen sospeitar o que sucedía poucos metros máis adiante.

"Eu cheguei sobre as 7.15 da mañá e os periódicos que normalmente están non estaban, e cando volve pasar o repartidor di que estaba todo acordoado. Ao pouco, cóntame un cliente que estaba un coche mal aparcado coa porta aberta e que estaba a policía poñéndolle unha multa por mal aparcamento e os veciños avisaron a policía de que o mozo estaba morto aquí mesmo, aquí atrás", relata a propietaria dunha cafetería situada ao pé do suceso.

Segundo apunta a súa familia, que non quere ser recoñecida, o mozo de 31 anos sufría unha doenza cardíaca. Esta mesma semana recibían con sorpresa e indignación a multa que a policía tramitou mediante o dispositivo electrónico antes de decatarse do que realmente acontecera.

Desde o Concello lamentan o acontecido e aseguran que os propios axentes solicitaron ese mesmo día a anulación da multa. Achacan o envío da sanción a que o arquivamento da denuncia se realizou cando a multa xa fora enviada. Aseguran que a su intención nunca foi a de multar un veciño nunha situación coma a acontecida e que anularán a sanción, de 200 euros.

Noticias web

27/03/2019