CRTVG

Buscar

Ninguén se explica a ausencia de Yago de la Puente e piden medios para buscalo

Publicado o 15/09/2019 20:10

O 14 de xullo Yago marchou do festival celta de Ortigueira e colleu un tren de volta que o deixou na estación de Cerdido. Dous meses despois, o seu paradoiro segue sendo unha incógnita. A súa familia mantén a esperanza e envíalle unha mensaxe.

Eduardo de la Puente, irmán de Yago: "Se nos escoitas, pensa na cantidade de persoas que te queren, que se reuniron aquí e en Ponferrada para lembrarte. Pensa nos teus avós, na cantidade de amigos que tes e, por todos eles, dinos simplemente 'estou vivo'".

Os pais e o irmán de Yago leron un comunicado pedindo máis medios para a busca do mozo e para investigar as desaparicións sen resolver que as autoridades cualifican de voluntarias.

José Manuel de la Puente, pai de Yago: "Porque o problema non é só se o desaparecido pode salvarse se o localizan rápido, é que hai moitos familiares e amigos que non dormen, algúns por idade, enfermidade... en risco de desenlace fatal. Pero iso non conta se se cualifica a desaparición de voluntaria, porque aos funcionarios encargados da tarefa xa lles chega con buscar os considerados de alto risco".

Varios centos de persoas acompañaron a familia nesta concentración na praza de Pontevedra, a carón do colexio e do instituto onde estudou Yago.

Araceli Agulló, nai de Yago: "Seguimos esperándote, seguimos buscándote, seguimos estrañándote. Queremos volver abrazarte e, sobre todo, saber que estás ben. Aquí nos tes, enviándoche todo o noso agarimo".

Os familiares agradeceron o traballo das forzas de seguridade na procura de Yago e tamén todo o apoio recibido nestes dous meses de incerteza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/09/2019