CRTVG

Buscar

A familia de Socorro Pérez segue reclamando xustiza catro anos despois do crime

Publicado o 01/05/2019 19:03

Todo son incógnitas e preguntas sen resposta na familia e achegados de Socorro Pérez, a muller de Ourense de 43 anos desaparecida un dous de maio de 2015 cando saiu da súa casa do barrio do Couto e cuxo cadáver foi atopado 33 días despois nun monte preto do seminario. A causa está arquivada xudicialmente e os seus parentes seguen na mesma anguria que hai catro anos.

En todo este tempo non apareceron novos indicios ou pegadas que permitan abrir unha nova liña de investigación. A familia sempre amosou o seu descontento coa actuación policial. Agora admite que só un golpe de sorte pode axudar a dar cos supostos asasinos de Socorro.

No cuarto aniversario da súa desaparición e pasamento, Socorro recibirá unha homenaxe de parte dos seus achegados no cemiterio de San Francisco. Un acto aberto a cidadanía ourensá no que se mesturará a súa memoria coa demanda de xustiza para atopar aos culpables da súa morte.

Noticias web

01/05/2019